Ferreiro destaca a disolución de Suplusa como "primeiro paso" para baleirar de contido a Deputación

Tomé recoñece que a sociedade urbanística é un "problema" para a administración provincial
José Tomé y Maite Ferreiro.EP
photo_camera José Tomei e Maite Ferreiro. EP

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, a nacionalista Maite Ferreiro, vinculou este xoves a disolución de Suplusa, a Sociedade Urbanística Provincial que foi foco de polémica na pasada lexislatura, cun "primeiro paso" para baleirar de contido o organismo provincial e no marco do ideario do BNG ante estas institucións. 

Ferreiro exprésase así despois de que o mércores se anunciase a convocatoria dun pleno en setembro para iniciar o proceso de disolución do ente, que aínda preside o alcalde de Becerreá, Manuel Martínez. A nacionalista recordou que a eliminación desta sociedade é unha das medidas incluídas no acordo de goberno que subscribiron PSOE e BNG para a Deputación. É por iso que a decisión era "algo esperado", ao terse quedado a sociedade do solo provincial "obsoleta e sen sentido". 

"Tamén é un primeiro paso para baleirar de contidos estas institucións que teñen que desaparecer como son as deputacións e iso é algo que o BNG leva reivindicando desde hai tempo", defendeu. 

"No BNG sempre dixemos que a Deputación non se podía facer cargo de todas as residencias porque é algo que corresponde á Xunta", dixo

Sobre como pode afectar ás residencias de maiores, Ferreiro deixou claro que "haberá que esperar a que os técnicos fagan os informes pertinentes". "No BNG sempre dixemos que a Deputación, neste caso Suplusa, non se podía facer cargo de todas as residencias porque é algo que lle corresponde á Xunta de Galicia", sinalou. 

Con todo, insistiu en que o bipartito respectará "os acordos chegados cos concellos", pero tendo "sempre a vista posta" en que o Goberno galego "asuma as súas responsabilidades e esas transferencias sexan cedidas e sexa a Xunta a encargada de xestionalas". 

TOMÉ. O presidente do goberno provincial, José Tomé, recoñeceu que Suplusa é un "problema para a Deputación". "Creo que os problemas hai que resolvelos e non deixalos larvados e o xeito para dar solución definitiva era convocar este pleno para iniciar o proceso de disolución de todos os órganos de Suplusa", apuntou 

Farémolo o 12 de setembro —o pleno— e os demais partidos —PP e BNG— entenderon esta decisión do presidente e vana apoiar unanimemente, co cal creo que é unha boa decisión para todos", dixo Tomé. 

Comentarios