Fernández Queipo nega que asfalte pistas privadas

O alcalde da Fonsagrada desmente ao PP e di que nunca actuou fóra de espazos públicos

Argelio Fernández Queipo. AEP
photo_camera Argelio Fernández Queipo. AEP

O alcalde da Fonsagrada, o socialista Argelio Fernández Queipo, saíu ao paso dunhas recentes acusacións do PP. Os populares din que se empregou diñeiro público para "o asfaltado de accesos a leiras privadas", algo que o rexedor nega taxativamente, á vez que aclara que o Concello "nunca fixo nin fará ningunha actuación fóra dos espazos públicos do municipio".

Fernández Queipo acusa aos populares de mentir e de utilizar unha información "enganosa" co único fin de "enturbar" o labor do goberno local. O rexedor fonsagradino explica que a obra á que fan referencia os populares executouse recentemente no núcleo de Restrumeiro, na parroquia de O Vilar do Cuíña. "Alí levamos a cabo recentemente o asfaltado dos accesos municipais a través do plan único. Aproveitando que se atopaban alí as máquinas traballando, un dous veciños deste núcleo chegou a un acordo coa empresa para, a posteriori, asfaltar a entrada a súa casa", explica.

O alcalde fonsagradino aclara, deste xeito, que o arranxo foi froito "dun acordo entre un particular e unha empresa".

"O que nunca fixo o Concello nin vai facer é utilizar cartos públicos en infraestruturas privadas", salienta Fernández Queipo, quen acusa aos populares de levar a cabo unha política de "difamacións", sacando "noticias falsas para confundir aos veciños". Para o rexedor socialista, con esta actitude, os populares o único que conseguen "é desprestixiarse a eles mesmos" e lamenta que incluso utilicen a un veciño para intentar argumentar "unha información falsa".

Comentarios