Familiares de deportados da provincia asinan a querela contra o franquismo

Son as primeiras vítimas do nazismo que denuncian a implicación da ditadura española
Rafael Pardo Vales e Aurelio Díaz Hortas. EP
photo_camera Rafael Pardo Vales e Aurelio Díaz Hortas. EP

Se non veñen á mente cando se fala do Holocausto é porque os preto de 10.000 españois torturados ou asasinados nos campos de concentración nazis foron os grandes esquecidos, as vítimas dobres do franquismo e do nazismo. Moitos deles partiron, sen embargo, da aldea do lado. Na lista de españois falecidos nestes lugares de exterminio, publicada polo Boletín Oficial do Estado no pasado mes de agosto despois dun longo silencio, poden contarse ata 20 persoas de Lugo que perderon a vida entre o 1941 e 1944.

Dúas das familias destas vítimas da provincia dan agora un paso máis, xunto con outras 20 familias galegas, sumándose a querela presentada en Arxentina contra os crimes de lesa humanidade perpetrados pola ditadura franquista, dada a responsabilidade que Franco tivo na súa deportación.

O vindeiro luns exporán os seus casos canda a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña ás 18.00 horas, nunha sesión aberta á cidadanía previa á presentación da denuncia ante o consulado arxentino.

"Sigo, a pesar de mi flaqueza, a pesar del sufrimiento que supone recordar. Sigo reclamando justicia", indica Encarna Díaz. O seu pai, Aurelio Díaz Hortas, nado na parroquia outeirá de San Salvador de Mosteiro, foi deportado ao campo de Mauthausen o 2 de xaneiro de 1941, e liberado o 5 de maio de 1945. O seu irmán menor, Victorino Díaz Hortas, morreu alí.

Encarna Díaz, filla de Aurelio Díaz: "Sigo luchando, a pesar de mi flaqueza, a pesar del sufrimiento que supone recordar. Sigo reclamando justicia"

Encarna Díaz viviu a meirande parte da súa vida en Francia, como moitos outros españois que, cerca da fronteira, agardaban a fin dun réxime que tardou en chegar. Cando volveu a Galicia non atopou estatuas que honrasen aos seus familiares que, fieis á República, tiveron que fuxir a Francia e alí foron capturados polos nazis co beneplácito do franquismo. Só hai dous anos o Parlamento galego celebrou unha homenaxe para estes homes e mulleres -algúns menores- vítimas do terror, e só hai uns meses puido ler o nome do pai e do tío na lista do BOE. A única placa ou estatua é, polo momento, a súa testemuña, a que teima en soster a pesar da dor.

Isabel de la Cruz é sobriña neta de Rafael Pardo Vales, veciño da parroquia corguesa de Laxosa, que morreu o 1 de xaneiro do ano 1942 en Mauthausen, igual que o seu sobriño, José Sánchez Prado, os dous gardas de asalto republicanos en Barcelona que, cando venceron os fascistas, marcharon a Francia. Pola memoria dos dous asinará a querela "para que se recoñeza que esta xente foi abandonada á súa sorte, que ningún goberno os reclamou".

Isabel de la Cruz, sobriña neta de Rafael Pardo: "Súmome á querela para que se recoñeza que foron abandonados á súa sorte, que ningún goberno os reclamou"

"Queremos demostrar que o responsable da deportación foi Franco", afirma a investigadora da ARMH, Carmen García Rodeja, que asesorou ás familias para sumarse á querela.

IMPLICACIÓN DO FRANQUISMO. Os españois que sufriron o horror nazi foron republicanos que, exiliados en Francia, se alistaron ás tropas francesas. Xa na Francia ocupada, moitos quedaron como prisioneiros de guerra, pero a outros negóuselles ese estatuto. "Cando Alemania preguntou que facer cos prisioneiros, Franco dixo que podían arquivar o expediente, que non se farían cargo deles", indica Rodeja. As cartas que os diplomáticos españois enviaron a Franco alertábano da situación, polo que a súa responsabilidade sería "total". "Sábese que foron deportados o día despois da visita de Serrano Súñer, ministro do réxime", engade. "Queremos defender a verdade, e que se fale do que pasou con coñecemento", sentencia Isabel de la Cruz.

Comentarios