O ensanche da estrada entre O Corgo e Castroverde inclúe unha nova ponte

A Deputación destina 378.000 euros a mellorar un tramo desta vía
undefined
photo_camera José Tomei, este martes na zona onde se construirá a nova ponte. EP

O ensanche e mellora da estrada LU-P-1201, que une os concellos de O Corgo e Castroverde, inclúe a construción dunha nova ponte sobre o río Postigo. Esta infraestrutura, de 16,5 metros de lonxitude, inclúese dentro dos traballos que se executan nun tramo dun quilómetro e medio desta vía, onde a anchura da calzada pasará dos actuais 4,5 metros aos sete.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomei, visitou este martes a zona na que se executan estes traballos e que suporán un investimento total de 378.000 euros por parte da entidade provincial.

Estas obras están a desenvolverse actualmente entre os núcleos de Coto (no Corgo) e San Agustín (en Castroverde) e consisten nos movementos de terras, a drenaxe transversal mediante a reposición das cunetas con tubos de formigón, a pavimentación con aglomerado en quente, a sinalización horizontal e vertical e o balizamento e a limpeza das cunetas.

José Tomei -que este martes visitou as obras xunto ao alcalde de Castroverde e deputado da área de cooperación cos concellos, José María Arias- sinalou que con esta actuación resólvese "un problema que se arrastraba dende ou ano 2003", cando se expropiaron os terreos para acometer esta actuación.

Tamén indicou que cando esta obra chegue ao seu fin "será moita a veciñanza beneficiada", ao tratarse dunha vía moi transitada que vertebra os concellos de Baralla, O Corgo e Castroverde.

Comentarios