A Deputación pon en marcha axudas ao teatro profesional con 25.000 euros

Pilar García Porto: "Ademais de incentivar as compañías lucenses, contribuímos a mellorar a programación cultural, ofrecendo teatro profesional por toda a provincia, para que sexa alcanzable para todos os públicos"

A deputada de cultura, artesanía e deseño, Pilar García Porto, presentou este martes as axudas directas que por primeira vez ofrece o goberno da Deputación ao teatro profesional. O proxecto implica un investimento de 25.000 euros por parte do organismo provincial.

García Porto explicou que o programa Proscenio está dirixido a compañías de teatro profesional, de carácter privado e con domicilio fiscal na provincia de Lugo. "Ademais de incentivar as compañías lucenses, contribuímos a mellorar a programación cultural, ofrecendo teatro profesional por toda a provincia, para que sexa alcanzable para todos os públicos", asegurou.

A deputada avanzou que o calendario de actuacións será desde o 1 de novembro ata o 31 de decembro deste ano, mentres que o caché variará en función da obra representada, aínda que se respectará un custo máximo entre os 4.000 e 5.500 euros. A Deputación comprometeuse, así mesmo, a constituír unha comisión técnica que se ocupe das datas das actuacións e outras necesidades dos beneficiarios destas axudas.

Anunciou, ademais, que logo da aprobación desta medida na xunta de goberno e a publicación das bases no BOP, todos os axentes interesados —asociacións, concellos ou compañías de teatro— teñen de prazo ata o 8 de setembro para presentar a documentación requirida.

No acto de presentación, García Porto estivo acompañada de representantes deste sector, que reclamaran apoio institucional para desenvolver proxectos artísticos por toda a provincia. Membros de Trécola e de Ítaca Teatro agradeceron esta nova iniciativa cultural da Deputación e pediron que sexa un plan con futuro para que contribúa a establecer un circuíto de teatro profesional en Lugo.

Comentarios