A Deputación e Lugopatrimonio renovan a súa colaboración para promover a riqueza patrimonial

A deputada de Cultura, Pilar García Porto, subliñou que "todo esforzo é pouco" para difundir o "insubstituíble" patrimonio histórico da provincia

A deputada de Cultura, Pilar García Porto, e o representante da Asociación Cultural Lugo Patrimonio, este mércores. DIPUTACIÓN DE LUGO
photo_camera A deputada de Cultura, Pilar García Porto, e o representante da Asociación Cultural Lugo Patrimonio, este mércores. DIPUTACIÓN DE LUGO

O Goberno da Deputación de Lugo renovou a súa colaboración coa Asociación Cultural Lugopatrimonio para a promoción e difusión do patrimonio lucense. Fíxoo cunha achega de 5.000 euros para cubrir os custos de conferencias, debates e viaxes para pór en valor a riqueza tanto material como inmaterial dentro do territorio da provincia. 

A deputada de Cultura, Pilar García Porto, subliñou que "todo esforzo é pouco" para difundir o "insubstituíble" patrimonio histórico da provincia, un "tesouro" que apostou por defender, "preservar e conservar para entregalo ás xeracións futuras". "Non falamos só de bens materiais, senón de todo aquilo que supón esa parte intangible, esa esencia da nosa cultura, o que somos, a partir do que fomos", sentenciou. 

Ademais do seu carácter reivindicativo, Lugopatrimonio ten como finalidade a procura de solucións e proxectos que axuden a resolver o "esquecemento e deterioración" do patrimonio. Froito da colaboración que o Goberno da Deputación mantén coa Asociación Lugopatrimonio, o Pazo de San Marcos acolleu, entre outras, unha Xornada de información e debate sobre a conservación e destino do Cuartel de San Fernando. 

Comentarios