A Deputación de Lugo renova o parque móbil con doce vehículos e 182.000 euros

Os coches estarán destinados "principalmente aos traballos relacionados coa vixilancia e mantemento da rede provincial", aseguran desde o goberno provincial
Rueda de prensa en la Diputación de Lugo. EP
photo_camera Rolda de prensa na Deputación de Lugo. EP

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a adxudicación e subministración de doce vehículos para o parque móbil, cun investimento de 182.000 euros. Na rolda de prensa posterior da Xunta de Goberno, a portavoz socialista do bipartito provincial, Pilar García Porto, que compareceu acompañada da vicepresidenta, a nacionalista Maite Ferreiro, explicou que ditos vehículos, nove coches e tres "todo camiños", estarán destinados "principalmente aos traballos relacionados coa vixilancia e mantemento da rede provincial".

A Deputación de Lugo, precisou Porto, "continúa desta forma coa renovación da flota substituíndo os vehículos obsoletos, con máis de dez anos, e cun elevado número de quilómetros, "máis de 300.000", co fin de ofrecer "un servizo máis eficiente e de calidade á cidadanía".

Á marxe da Xunta de Goberno, e interpeladas polas residencias para maiores, a vicepresidenta, Maite Ferreiro, volveu insistir en que se respectarán "os convenios que había e as que estaban en funcionamento". "Agora teremos que falar e pór encima da mesa a situación de todas (as residencias) no seu conxunto. Estudarase e iremos camiñando no sentido de que ese é un tema que depende da Xunta (atender aos maiores) e de transferir incluso as que están a funcionar á Xunta", expuxo.

PRESTACIÓN DE SERVIZOS. A portavoz socialista, Pilar García Porto, apelou a que "o acordo de goberno nesta Deputación é para garantir a prestación de servizos na provincia de Lugo". "E gustaríanos deixar claro que a nosa vontade non é diminuír a prestación de servizos, senón o cambio no modo de realizalos", abundou. "O que temos que transmitir aos alcaldes que están preocupados como os veciños da provincia, é unha mensaxe de absoluta tranquilidade porque non imos facer nada que prexudique aos veciños e veciñas da provincia", explicou.

"O que queremos é facer unha mellor xestión, a obrigación da Deputación é prestar unha serie de servizos que no seu momento se incrementou coas residencias porque criamos na necesidade de dotar dunha rede de residencias á provincia, sobre todo, para concienciar á Administración que ten esas obrigacións, como é a Xunta, e non tomaba medidas nese sentido", dixo.

A partir de agora, afirmou, "ábrese unha etapa nova". "Temos portas abertas para falar, establecer contactos desde o primeiro momento coa Xunta e a nosa finalidade é que cada un corra coas obrigacións que lle correspondan", concluíu a portavoz socialista do goberno bipartito na Deputación de Lugo.

O PP pide un pleno extraordinario para aclarar o futuro das residencias
O grupo provincial do Partido Popular na Deputación rexistrou este venres unha solicitude para a celebración dun pleno extraordinario que sirva para aclarar o futuro das residencias da terceira idade xestionadas pola institución. A portavoz dos populares, Elena Candia, denunciou que "o presidente da Deputación -o socialista José Tomé- empeza mal se a súa primeira decisión é a de desistir e romper os acordos que se lograron cos concellos da provincia".

Por este motivo, Candia aproveitou para criticar a Tomé por facerse "co control da entidade provincial case cun golpe de estado" e agora "desatender os centros de atención a maiores argumentando que quería devolver unha imaxe de normalidade e prestixio á Deputación". "Trátase dun compromiso inquebrantable e non permitiremos que sexan abandonadas polo bipartito de socialistas e nacionalistas, despois dun grande investimento público", sinalou.

A portavoz popular tamén quixo denunciar o "uso político" das residencias que ambos os partidos fixeron "ao seu antollo". "Durante a campaña electoral prometeron máis residencias, incluso asinaron novos convenios cos concellos de Ourol e Cervantes, e agora non se queren facer cargo", indicou Candia.

Comentarios