A Deputación de Lugo mellora máis de sete quilómetros de vías provinciais

A renovación destas estradas, onde o elevado volume de tráfico deteriorou o firme, conta cun orzamento próximo aos 265.000 euros

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, supervisou os traballos de mellora da estrada LU-P-4402, que vai de Paraxes a Lourenzá e na que se están executando obras de renovación do firme nun tramo de 5,6 quilómetros, que pasa polos municipios da Pastoriza e Riotorto. 

Darío Campos aproveitou a súa visita a Riotorto e A Pastoriza para coñecer de primeira man o estado da estrada LU-P-1106, ao paso por Xemil, onde o elevado volume de tráfico, debido aos traballos dunha canteira situada neste núcleo, provocaron unha importante deterioración do firme. 

Nesta mesma estrada, que vai de Castro de Rei, por Reigosa, a Lindín, o goberno provincial vai executar traballos nun tramo de 1,7 quilómetros, desde o punto 13 ata o 16,9. En total, a deputación destina preto de 265.000 euros para o arranxo da LU-P-4402 e a LU-P-1106. 

Campos Conde avanzou que, "tras finalizar a limpeza de cunetas", esta mesma semana comezarán os traballos de rehabilitación do firme, empregando aglomerado en quente, e dotando as estradas dun novo pavimento. Unha vez renovada a capa de rodaxe, procederase ao pintado da vía e, polo tanto, á renovación da sinalización horizontal e vertical. . 

Comentarios