A Deputación realizará 50 test covid tras o positivo do deputado de Deportes

As probas inclúen aos membros da corporación que acudisen a comisións e plenos celebrados nas últimas dúas semanas 

Efrén Castro, en San Marcos. XESÚS PONTE
photo_camera Efrén Castro, en San Marcos. XESÚS PONTE

A Deputación de Lugo activou o protocolo covid logo de coñecerse este martes o contaxio por coronavirus do deputado delegado de Deportes, Efrén Castro (BNG), e de que un traballador do Rexistro da institución estivese en contacto cun positivo, motivo polo cal está á espera do resultado dunha PCR. 

Deste xeito, realizaranse entre este mércores e este xoves un total de 50 probas diagnósticas, incluídos membros do goberno e da corporación provincial, aínda que esta cifra poderá ampliarse en función do que ditamine o servizo de prevención. Está previsto que os resultados se coñezan, como moi tarde, o venres. 

Neste cribado, segundo informa a Deputación a través dun comunicado, participará todo o persoal que tivo contacto estreito ou que traballa nos mesmos departamentos tanto de Efrén Castro -que é concelleiro no Concello de Sarria- como da persoa que está á espera dunha PCR. 

Ademais, someternase ás probas a "todas aquelas persoas que participaron nas comisións informativas e nos plenos celebrados nas últimas dúas semanas", é dicir, tamén aos membros da Corporación -en total, son 25- e do goberno provincial presidido polo socialista José Tomé. 

Neste contexto, a Deputación de Lugo reivindica a súa política "de máxima transparencia" e asegura que "tomou todas as medidas para minimizar os riscos de propagación do virus" a través dos protocolos deseñados polo servizo de prevención da institución.

Unha desinfección integral

Así, ademais do mencionado cribado, acometerase unha "desinfección integral de todas as dependencias" do Pazo de San Marcos entre a tarde deste martes e este mércores e cancelaranse temporalmente todos os eventos previstos na sede da institución, salvo aqueles vinculados ao ámbito laboral. 

Así mesmo, todos os traballadores dos departamentos de Cultura e de Deportes realizarán desde este mesmo martes traballo a distancia ata que se confirmen os resultados das probas. 

No caso do Rexistro, debido a que é obrigatorio que sexa un servizo presencial, substituíuse a todos os seus empregados "de modo inmediato", previa desinfección do departamento, asegura a Deputación. 

Comentarios