A Deputación de Lugo destina 40.000 euros para apoiar o emprendemento da muller no rural

José Tomei sinala que o programa Feminino Rural ofrece "formación, acompañamento e asesoramento"
José Tomé, en San Marcos. AEP
photo_camera José Tomé, en San Marcos. AEP

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, anunciou este martes en rolda de prensa que o seu goberno destinará 40.000 euros ao programa Feminino Rural, co que se pretende apoiar o emprendemento da muller no medio rural. Segundo detallou, este convenio subscríbese coa Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo e estenderase ata finais deste ano.

Ademais, precisou que con este programa as participantes recibirán "formación, acompañamento e asesoramento de xeito gratuíto para mellorar os negocios en marcha ou para favorecer o éxito e a viabilidade de iniciativas emprendedoras".

Sobre o reto demográfico, o presidente provincial volveu a insistir en que a "creación de emprego e, sobre todo, de emprego xuvenil e feminino, ademais dos servizos públicos e a mobilidade, son elementos fundamentais para fixar poboación" porque asegurou que "se non hai mulleres no rural, o rural non ten futuro".

Así mesmo, sinalou que este programa servirá para "a promoción económica da provincia, con perspectiva de xénero e tamén con perspectiva demográfica".

Pola súa banda, a presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, Beatriz Varela, manifestou que se envorcarán con este programa para ver as carencias que teñen as emprendedoras e as empresarias neste momento, detectar necesidades, ver en que fallan e en que poden mellorar.

Segundo concretou, esta tarefa farana a través de reunións en sete comarcas da provincia de Lugo: A Mariña, Lugo central, A Ulloa, Terra Chá, Sarria, Montaña e Ribeira Sacra. 

Comentarios