A Deputación de Lugo subvencionará 1.600 prazas en balnearios da provincia

Poderán beneficiarse maiores de 50 anos, que poderán ir acompañados doutra persoa, aínda que non alcance esa idade
Pilar García Porto. EP
photo_camera Pilar García Porto. EP

Deputación Provincial de Lugo aprobou na súa xunta de goberno unha nova edición do programa Lugo Termal, que inclúe unha oferta de 1.600 prazas subvencionadas en balnearios da provincia para maiores de 50 anos.

A deputada socialista Pilar García Porto explicou que "para esta edición decidiuse ampliar os beneficiarios dos bonos, de tal forma que poidan participar persoas maiores de 50 anos e poden ir cun acompañante aínda que non teña esa idade".

O goberno provincial confía en que dito programa se poña en marcha "a partir do mes de xuño e que continúe ata finais de ano, respectando todas as medidas de protección da covid-19 establecidas polas autoridades sanitarias e adaptadas a cada modificación". 

A portavoz socialista aclarou que se trata dunha "previsión, dado que os balnearios a día de hoxe están pechados". "E tamén así nos adiantamos a outras administracións como é a Xunta de Galicia, que aínda non anunciou o seu programa de apoio a estes establecementos", indicou.

Para esta edición "ofrécese un mínimo de 1.600 prazas, case 300 máis que na anualidade anterior. 1.000 desas prazas son na modalidade de estancia para aqueles que pasen a noite no balneario e 600, sen estancia". 

"As persoas que decidan quedar a durmir poderán estar seis días coas súas cinco noites, en réxime de pensión completa, e neses días vanse a incluír 15 tratamentos como mínimo con distintas técnicas termais. Os descontos serán de 60 euros por persoa beneficiaria. Os bonos non se van a condicionar a datas concretas, senón que se van a flexibilizar os períodos para que se poidan aproveitar ao máximo durante todo o ano", explicou García Porto.

Son tres os balnearios nos que se ofrecerá este servizo; na cidade de Lugo, en Pantón e en Pambre (Palas de Rei).

CATAMARÁN . García Porto tamén anunciou que o venres arrinca a nova tempada de catamaráns pola Ribeira Sacra. A Deputación fará un acto en Ponte do Sil, en Monforte, "para celebrar que este ano podemos empezar antes con esta iniciativa turística que ten un importante retorno económico no sector servizos desa comarca", indicou a deputada socialista.

A día de hoxe, hai máis de 500 reservas de praza para as rutas en catamarán que percorren os ríos Miño e Sil.

Comentarios