A Deputación de Lugo abre o proceso de adxudicación para a subministración de emulsión asfáltica

Destinaranse 786.000 euros para esta fin

A Deputación de Lugo aprobou o procedemento de adxudicación e do prego de cláusulas administrativas para a contratación de subministración de emulsión asfáltica.

O importe que se destinará para tal fin é 786.000 euros, e o contrato terá unha duración "inicial dun ano pero coa posibilidade de prorrogalo outro máis", no apartado do "parque móbil". Así o avanzou a socialista Pilar García Porto, tras a xunta de goberno deste mércores.

Doutra banda, referiuse á aprobación da adxudicación, subministración e instalación do material necesario para pór en marcha o programa Ilumina de aforro enerxético.

Así, a previsión do Goberno provincial é que se van substituír preto de 3.200 puntos de luz nos 38 municipios voluntariamente adheridos e nos que a deputación "vai investir preto de 723.000 euros". 

"Esta tecnoloxía vai permitir un aforro conxunto de 62.000 euros por ano, cun aforro de consumo do 63 por cento. A previsión é que os traballos comecen no mes de xaneiro", concretou. 

Pola súa banda, o portavoz nacionalista do bipartito provincial, Efrén Castro, adiantaba a aprobación da concesión das axudas da liña de concorrencia competitiva para actividades culturais, unha liña dotada con 283.000 euros. 

En concreto, búscase dar cobertura a todo o tecido cultural e asociativo da provincia, distribuído en 332 entidades por toda a provincia. "Poderán levar a cabo diversas actividades culturais, como poden ser; magostos, entroidos, actividades infantís ou festivais", debullou finalmente.

Comentarios