A Deputación inviste 600.000 euros en catro estradas provinciais

A área de cultura destinará tamén 100.000 euros para mellorar a rede de espazos culturais sen ánimo de lucro na provincia lucense
2020082211345024241
photo_camera Maite Ferreiro e José Tomei. EP

A Deputación de Lugo aprobou a licitación de obras para o acondicionamento de catro vías provinciais nas comarcas da Mariña e na zona Sur. A institución provincial destinará un total de 600.000 euros para a mellora de estradas en Barreiros, Monforte, Bóveda e Trabada.

En Barreiros realizaranse melloras en dous quilómetros da LU-P-0610, coñecida como a estrada da costa, cun orzamento de 115.712 euros. "Esta estrada ten unha importancia estratéxica na Mariña porque é a que discorre paralela ás praias de Barreiros e chega ata a das Catedrais, en Ribadeo", declarou o presidente da Deputación, José Tomé.

O Concello de Monforte continuará coa rehabilitación da vía LU-P-3202, que une o centro urbano co núcleo de Currelos, no Saviñao. O investimento será de 158.135 euros en tres quilómetros que teñen un gran "valor social para os veciños e veciñas", segundo explicou Tomei.

No caso de Bóveda, a institución provincial rehabilitará a calzada LU-P-0907, que enlaza os municipios de Bóveda e Paradela, cun investimento total de 110.730 euros ao longo de tres quilómetros de estrada.

Trabada tamén recibirá unha partida de case 200.000 euros para acondicionar os catro quilómetros da LU-P-5506, que conecta Aguaxosa con Trabada e pasa por Riotorto e Lourenzá, como complemento das obras efectuadas nesta estrada anteriormente.

O presidente da Deputación explicou que se efectuarán o mesmo tipo de obras nos catro concellos. "Faremos reaperturas, limpeza de cunetas e sinalización horizontal. Ademais, o prazo de execución será de nove meses nos catro casos", explicou o socialista.

CULTURA. A área de cultura destinará un importe total de 100.000 euros para o acondicionamento de espazos públicos. "O obxectivo é ampliar e mellorar a rede de espazos de proximidade, que permita desenvolver actividades en todo o territorio", subliñou a vicepresidenta e deputada de Cultura, Maite Ferreiro.

Esta liña de axudas está dirixida a asociacións sen ánimo de lucro, que ao longo de 2020 realizasen ou vaian realizar traballos de mellora e reforma de locais cun fin cultural. "Cremos que estas subvencións son fundamentais para a supervivencia e a continuidade das asociacións", declarou a nacionalista. As axudas, que oscilan entre os 600 e 3.000 euros, darán prioridade ás entidades de municipios de menos de 2.000 habitantes.

A Deputación tamén aprobou a solicitude dos concellos de Navia de Suarna e Sober, que destinarán 16.300 e 21.608 euros, respectivamente, en obras públicas cos remanentes do plan único de 2019.

Comentarios