A Deputación instalará 120 marquesiñas na rede viaria da provincia

A xunta de goberno aprobou 1,6 millóns en investimentos, parte delas para mellorar estradas na Montaña, Sarria, O Saviñao e Lugo

A Deputación instalará 120 marquesiñas en vías da súa titularidade nos 67 concellos da provincia. A distribución das mesmas realizarase en función dos quilómetros de estrada que pasen por cada municipio, de tal xeito que os 15 con maior número leven un mínimo de dous. O ente provincial aprobou este venres na súa xunta de goberno destinar 200.000 euros a esta iniciativa, entre outras actuacións que suman un investimento total de 1,6 millóns.

Tamén no ámbito da rede viaria, o organismo provincial aprobou distintas obras de mellora de estradas en Sarria, O Saviñao, A Fonsagrada, Baleira e Lugo. No municipio de Sarria veranse beneficiadas dúas, a de Samos por Pintín a Sarria e a de Pedrafita por Sabadelle a Vilanova de San Vicente de Froián, ambas nas partes que pasan pola capitalidade do concello. O investimento neste caso fixouse nun total de 200.000 euros.

A estrada de Ferreira a Currelos, no municipio do Saviñao, recibirá un investimento de 390.000 euros para o arranxo dos oito quilómetros que se atopan en peor estado. Outros 270.000 servirán para reparar os máis de sete quilómetros das vías de Córneas por Freixo á Lastra, na Fonsagrada, e de Mesón Novo polo Ventorrillo a Chao de Vaga, en Baleira.

O investimento maior será neste caso para o concello de Lugo, con 420.000 euros repartidos en 10 quilómetros de cinco estradas distintas. Do Burgo a Palas de Rei; de Lugo a Ponche de Ombreiro; de Carballido por Santalla de Bóveda a Poutomillos; de Tolda de Castela a Canteira de Buratai, e de Coeses a Terlama.

A semana que vén ábrese o prazo das axudas para recuperar a produtividade das terras abandonadas

RECUPERACIÓN DE TERRAS. A xunta de goberno da Deputación tamén aprobou unha nova edición do Plan de Recuperación de Terras Abandonadas cun orzamento de 100.000 euros.

O prazo de solicitudes abrirase a partir da próxima semana e para todos aqueles gandeiros, agricultores, agrupacións de produtores, sociedades agrarias de transformación (SATs) ou veciños que sexan titulares dunha explotación.

O importe destas axudas está fixado en 500 euros por hectárea, e establécese un tope máximo por beneficiario de 9.000 euros. Este plan beneficiou a 220 veciños da provincia na súa anterior edición, que en total puxeron en produción un total de 1.200 novas hectáreas, que converteron terreos baldíos en lugares de pastoreo ou agricultura.

A xunta de goberno da Deputación pechouse este venres coa aprobación dun investimento de 40.000 euros para a construción dunha pista polideportiva na parroquia de Rosende, no municipio de Sober.

Comentarios