sábado. 26.09.2020 |
El tiempo
sábado. 26.09.2020
El tiempo

A Deputación ofrece unha nova edición do Campus de Emprendemento tras crear 21 empresas

Argelio Fernández Queipo, este xoves en Navia de Suarna. ELISEO TRIGO (EFE)
Argelio Fernández Queipo, este xoves en Navia de Suarna. ELISEO TRIGO (EFE)

Uns 40 lucenses recibirán formación teórica e práctica para poder abrir os seus propios negocios

O deputado de Medio Ambiente e Cooperación cos Concellos, Argelio Fernández Queipo, anunciou este xoves que o goberno provincial tomou a decisión de pór en marcha a quinta edición do seu Campus de Emprendemento Sostible porque esta iniciativa permitiu a creación de 21 novas empresas na provincia de Lugo que xeran emprego e riqueza.

Nesa nova edición dese programa para fomentar o autoemprego, poderán beneficiarse outro corenta lucenses do asesoramento individualizado e a formación teórica e práctica que ofrece a institución provincial para que no futuro poidan abrir os seus propios negocios.

Ademais, oitenta estudantes de Formación Profesional coñecerán a través desta iniciativa as oportunidades de emprender coas sesións especialmente dirixidas a eles que levarán a cabo no IES San Rosendo, en Mondoñedo; o IES Trapero Pardo, en Castro de Rei; e o CFEA Alta Montaña, que son o tres centros públicos da provincia que ofrecen ensinos superiores sobre produción agropecuaria, xestión forestal e do medio ambiente.

Por outra banda, a Deputación de Lugo tamén sensibilizará a 46 alumnos de secundaria sobre as posibilidades que ofrece o emprendimiento empresarial con clases no IES de Becerreá e no CEIP de Navia de Suarna.

Precisamente, Fernández Queipo fixo este anuncio durante a visita que realizou esta mañá aos profesores e alumnos do CEIP de Navia de Suarna que xa están a participar na quinta edición dese campus patrocinado pola Deputación de Lugo nos territorios incluídos dentro das reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

O deputado aclarou que, a través desta iniciativa, a Deputación de Lugo ofrece aos participantes, de forma gratuíta, formación e asesoramento individualizado, así como o coñecemento in situ de iniciativas empresariais "exitosas" con visitas a eses centros de traballo.

O obxectivo das iniciativas que inclúe o campus da Deputación é que os participantes se animen a pór "en marcha os seus propios establecementos en calquera dos 29 municipios que integran as reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses".

Así mesmo, lembrou que a decisión de manter esta iniciativa débese "ao éxito alcanzado en convocatorias anteriores, porque motivaron ata este momento a creación de 21 novas empresas na provincia e, por tanto, de novos postos de traballo en territorio lucense". Iso sen contar, lembrou, con que aínda se está asesorando a outros posibles emprendedores para que poñan en marcha outros proxectos empresariais que poderían germinar nos próximos meses.

Os interesados en participar nos novos campus organizados pola Deputación poderán inscribirse desde o 16 de febreiro e ata o 5 de marzo, nun espazo habilitado especificamente na web corporativa da institución, www.deputacionlugo.gal.

As actividades de formación serán desenvolvidas nos locais do Centro de Interpretación Terras do Miño e os participantes poderán tomar parte en dous campus diferentes, o Campus de Motivación Empresarial, no que se abordarán todas aquelas cuestións que hai que ter en conta á hora de abrir unha empresa e as oportunidades de negocio na provincia; e o de Maduración Empresarial, onde se analizará a viabilidade das ideas dos propios beneficiarios. As sesións teóricas e prácticas completaranse con visitas a experiencias empresariais exitosas.
 

A Deputación ofrece unha nova edición do Campus de Emprendemento...
comentarios