viernes. 07.05.2021 |
El tiempo
viernes. 07.05.2021
El tiempo

A Deputación, disposta a destinar o 1% do seu orzamento ao fondo de rescate da hostalería

José Tomé. L.A.R.
José Tomei. L.A.R.
O ente provincial apoia a creación dun fondo común xunto ao resto de administracións galegas

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, informou de que o goberno provincial apoia a creación dun fondo común de rescate á hostalería e ao turismo, un sector duramente golpeado polas consecuencias da pandemia, ao que a Xunta, as deputacións e os grandes concellos de Galicia destinen "o 1% do seu orzamento deste ano".

"Estamos dispostos a seguir colaborando para apoiar a un sector do que dependen 66.000 empregos e que representa o 4,5 do PIB de Galicia", dixo Tomé aos medios de comunicación, cunha "fórmula proporcional e xusta, pois cada administración achegaría" a ese fondo "en función dos recursos económicos dos que dispón".

Recordou que "a suma dos fondos da Xunta, das catro deputacións e das sete principais cidades permitiría crear un gran plan coordinado de axudas directas", dotado con máis "de 140 millóns de euros, fronte aos 50 millóns que propón o goberno galego".

Tomé dixo que a Deputación estaría disposta a asumir ese importante "esforzo económico", a pesar de que "non ten as competencias" nesa materia, "que son autonómicas".

Ademais, precisou que eses fondos para o plan de rescate sairían de recursos "propios" da Deputación, mentres que a Xunta recibiu do "Estado e da Unión Europea cuantiosos fondos extraordinarios para combater a pandemia".

Por outra banda, a Deputación de Lugo lamenta que "o Clúster de Turismo de Galicia prescindise da súa participación na reunión deste luns en Santiago, na que se abordará esa proposta por iniciativa das deputacións socialistas, ao negarlle a posibilidade de participar de forma telemática, unha decisión incomprensible na actual situación de crise sanitaria".

A Deputación, disposta a destinar o 1% do seu orzamento ao fondo de...
comentarios