A Deputación dá os primeiros pasos para desenvolver un turismo agroalimentario

Campos inaugurou unha xornada con expertos no Pazo de San Marcos

Campos, en la Diputación. EP
photo_camera Darío Campos. EP

A Deputación de Lugo está a dar os primeiros pasos para tratar de desenvolver unha oferta de turismo agroalimentario, ligada neste caso á paisaxe da provincia, a partir dos produtos de calidade que ofrece o sector primario e das experiencias exitosas de emprendedores que apostaron decididamente por este sector.

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, inaugurou este martes no salón de actos do Pazo de San Marcos unha xornada centrada no Turismo agroalimentario e desenvolvemento local, organizada polo goberno provincial, na que está prevista a participación de quince expertos neste ámbito.

Campos precisou que "esta iniciativa está enmarcada dentro do Plan Estratéxico de Turismo e con ela pretendemos favorecer un intercambio de ideas que poida xerar sinerxías e servir de impulso para este tipo de turismo na provincia".

Ademais, engadiu, "contribuirá a pór en valor os proxectos relacionados co sector agroalimentario que, con tanto éxito está a realizarse actualmente na provincia, e ao mesmo tempo pomos en valor a nosa materia prima de primeira calidade".

De feito, na xornada inaugurada este martes por Campos, os asistentes poderán coñecer "a clave do éxito" de proxectos como o de Milhulloa, Champivil, Caurelor, Embutidos Suarna ou a Denominación de Orixe Queixo do Cebreiro.

Tamén participan axentes turísticos, produtores, guías, expertos en comunicación, hostaleiros e gandeiros. A xornada contempla tamén unha visita para coñecer a Ruta da Faba de Lourenzá. 

Comentarios