A Deputación creará un Punto de Atención ao Emprendemento

Esta nova oficina implantarase grazas a un convenio entre Goberno central e FEMP
Pablo Rivera. AEP
photo_camera Pablo Rivera. AEP

A Deputación de Lugo creará un Punto de Atención ao Emprendemento, unha oficina que ofrecerá información a emprendedores e axilizará trámites para abrir un negocio. O deputado de promoción económica e social, Pablo Rivera, informou este venres de que a xunta de goberno provincial aprobou solicitar a adhesión da Deputación a un convenio entre o Goberno central e a Federación Española de Municipio e Provincias (FEMP).

Grazas a este punto, desde a Deputación sinalan que os trámites para dar de alta unha actividade empresarial serán gratuítos para os emprendedores e poderán facerse nun tempo de 48 horas. "Estes puntos teñen unha dobre misión. Por unha banda, prestan servizos presenciais de información e asesoramento aos emprendedores na definición e tramitación telemática das súas iniciativas empresariais, así como durante os primeiros anos de actividade. Por outro, iniciarase o trámite administrativo de constitución da sociedade a través do Due, ou Documento Único Electrónico. Este punto será atendido por persoal técnico do servizo provincial de Promoción Económica e Emprego e do Centro de Atención ao Usuario", precisou Rivera.

O deputado recalcou que esta iniciativa se enmarca no compromiso da Deputación coa dinamización do tecido empresarial da provincia "co obxectivo de fortalecelo, diversificalo, mellorar a súa competitividade e crear emprego a través do apoio ao emprendemento", destacou, á vez que recordou que para impulsar o emprego o organismo provincial tamén ten en marcha a Axencia de Colocación.

CONVENIO. Doutra banda, a xunta de goberno da Deputación deu luz verde a un convenio de colaboración entre a institución e a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo por un importe de 60.000 euros, destinados a contribuír ao financiamento de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia 2019 e Expolugo Rural.

Comentarios