A Deputación concede axudas para a recuperación de terreos abandonados

Contan cun orzamento de 300.000 euros e están dirixidas ao sector agrogandeiro

Imagen de archivo de Darío Campos. ELISEO TRIGO (EFE)
photo_camera Darío Campos, este venres en Sarria. ELISEO TRIGO (EFE)

A Deputación de Lugo pon en marcha unha liña de axudas para a recuperación de terras abandonadas. O executivo financia o proxecto cun orzamento total de 300.000 euros.

O presidente do goberno provincial, Darío Campos, indicou que con este proxecto reafirman o "compromiso cos gandeiros e agricultores da provincia". Recalcou que así se demostra o feito de que ese compromiso adquirido "non é un slogan, senón unha realidade".

O programa de subvencións comprende un importe de 300.000 euros dirixidos a gandeiros e agricultores a título individual; agrupacións de produtores; SATs ou persoas xurídicas coa titularidade das explotacións e que non dispoñan dun mínimo dunha héctárea de superficie, ben en réxime de propiedade, ou ben en aluguer ou froito dunha cesión ou doazón.

Este apoio implicará a recuperación de terreos baldíos a través de actividades agrícolas ou gandeiras. As plantacións forestais, con todo, non estarán subvencionadas. As axudas suporán 500 euros por hectárea, podendo recibir cada beneficiario unha cantidade de ata 9.000 euros.

Unha vez aprobadas as bases destas axudas, publicaranse na Base Nacional de Subvencións e, posteriormente, no BOP. Prevese que o prazo de presentación de solicitudes se abra nos próximos 15 días.

ANTECEDENTES. Darío Campos recordou que esta é unha liña de axudas totalmente pioneira na administración pública galega. Destacou que foi a Deputación quen puxo en marcha este programa durante os anos 2014 e 2015.

Nese período bienal, o goberno provincial ofreceu axudas por valor de case 560.000 euros. Grazas a lestes subsidios, un total de 178 agricultores e gandeiros lucenses puxeron a funcionar preto de 1.200 hectáreas de terreos abandonados na provincia.

Comentarios