A Deputación "recupera" o xeriátrico fonsagradino ao cambiar a fechadura

O executivo provincial di que se viu forzado a tomar esa medida ante a negativa de Suplusa a entregar as chaves

Un momento del cambio de cerradura de la residencia. EP
photo_camera Un momento do cambio de fechadura da residencia. EP

O goberno provincial acaba de "recuperar" a residencia de maiores con centro de día que promove na Fonsagrada, mediante o cambio de fechadura do inmoble.

O vicepresidente da Deputación e tamén alcalde dese municipio, o socialista Argelio Fernández Queipo, anunciou este martes esa medida tomada "en estrito cumprimento da legalidade". Argumentou que houbo que chegar a ese extremo ante a negativa reiterada do presidente de Suplusa, o seu excompañero de filas Manuel Martínez, a entregar as chaves do edificio.

Segundo explicou Fernández Queipo, ese cambio de fechadura efectuouno persoal adscrito á unidade de mantemento da institución provincial, "en cumprimento dun decreto datado o día 14 de agosto".

O número dous do executivo que preside Darío Campos defendeu que urxía "recuperar" o xeriátrico para que os servizos da Deputación responsables da rede de residencias puidesen acceder ao inmoble, comprobar a súa situación actual e iniciar os trámites para a apertura dese centro asistencial, "en cumprimento do convenio de cooperación existente entre a Deputación e o Concello".

Argelio Fernández recordou que a administración provincial é a titular "tanto do edificio como dos terreos, que foron cedidos oficialmente polo Concello á Deputación".

requirimentos errados. Sobre os intentos previos para que Martínez dese as chaves do edificio, o vicepresidente provincial asegurou que a Deputación ordenou a Suplusa que as entregase "a través de tres requirimentos, con datas 19 de abril, 5 de xullo e 1 de agosto".

Nesa liña, subliñou que nos últimos días intentouse facer chegar a Suplusa algunha desas notificacións, pero foi imposible ao estar pechada a súa sede, situada fronte ao Pazo de San Marcos.

"Se Suplusa leva pechada unha semana, e sen facer outra cousa máis que sacarse fotos en residencias que non son súas, mellor será disolvela e cerrala para sempre", resolveu o vicepresidente provincial. Referíase a unha polémica visita, na primeira quincena de xullo, de Manuel Martínez e varios deputados provinciais do PP —tamén conselleiros de Suplusa— ao xeriátrico fonsagradino, acompañados polo presidente local dos populares.

Ese acto, promovido por Suplusa para entregar as chaves do centro, algo que non chegou a ocorrer, foi duramente criticado no seu día polo executivo provincial, que tachou esa visita de "despropósito" e recriminou a esa comitiva que fose á Fonsagrada a Facer "teatro".

Argelio Fernández volveu este martes a censurar ese "paripé" de hai un mes de Martínez e os cargos populares. Acusounos de sacarse "unha foto e pasearse por unha residencia que non é dá súa titularidade finxindo unha entrega de chaves".

ACCIÓNS XUDICIAIS. O executivo provincial está a analizar "as posibles accións xurídicas de responsabilidade" contra Martínez por desobedecer "as ordes administrativas da Deputación".

Martínez cre que é un acto "covarde"
 
O presidente de Suplusa, Manuel Martínez, tachou o cambio de fechadura de acto "de covardía" do que culpou, sobre todo, a Argelio Fernández. Así, criticou que, como alcalde de A Fonsagrada, non se achegase a recoller as chaves durante esa polémica visita de xullo. Martínez insistiu en que non tiña ningunha intención de retelas e dixo que se non as entregou aquel día é porque o Concello "non enviou nin a un conserxe a por elas". "Se o problema era o tipo de chaves ou a súa cor, estabamos dispostos ata a cambialas", ironizou, tras o que acusou á Deputación de estar a vulnerar a lei coas súas decisións sobre as residencias, ao non respectar os mandatos do pleno provincial e da xunta xeral de Suplusa. 

Críticas do BNG local
Pola súa banda, o grupo municipal de BNG anunciou, nun escrito ante o Concello,  a súa "renuncia" a seguir na comisión creada polo alcalde para analizar a xestión da residencia. Alegou que se pretende "privatizar o centro" para elixir a súa persoa "a dedo" e criticou que non vaia atender a dependentes.
 

 

Comentarios