Difícil xornada nas estradas lucenses, con 16 feridos en oito accidentes

Seis persoas foron atendidas ao chocar un coche e unha ambulancia en Monterroso e unha saída de vía en Abadín acabou en excarceración
El coche accidentado en Abadín. EP
photo_camera Colisión rexistrada en Monterroso. EP

A provincia rexistrou este mércores unha accidentada xornada nas estradas de distintos municipios, onde se chegaron a contabilizar oito sinistros nos que 16 persoas resultaron feridas de distinta consideración, aínda que ningunha revestía especial gravidade.

O coche accidentado en Abadín. EPAs saídas de vía foron as protagonistas, xa que se contabilizaron cinco, aínda que tamén houbo dúas colisións e incluso un atropelo a un peón. Unha das primeiras foi a que sufriu unha moza pastoricense de 30 anos, con iniciais L.P.L., na Graña, en Abadín. A condutora e única ocupante do vehículo, que se saíu da vía pola marxe dereita e impactou contra un muro, tivo que ser excarcerada por unha dotación de bombeiros do parque comarcal de Vilalba, ao non poder saír do habitáculo polos seus propios medios.

Ata o lugar do sinistro, ocorrido pasadas as 9.30 horas á altura do punto quilométrico 2,1 da LU-P-0102, que une Moncelos coa Pastoriza, tamén se desprazou unha ambulancia de soporte vital básico de Urxencias Médicas, que se encargou de evacuar á ferida ao Hula.

Desde a central de urxencias do 112 tamén se mobilizou a efectivos do subsector de Tráfico de Lugo e ademais deuse aviso ao persoal de mantemento de estradas por se era necesario a limpeza da zona, onde quedaron restos do turismo accidentado.

Colisión rexistrada en monterroso. EPOutra das incidencias máis destacadas foi na que unha ambulancia que trasladaba un paciente desde o centro de saúde de Monterroso ao Hula sufriu un accidente ao redor das 14.10 horas deste mércores á altura do punto quilométrico 129,250 da N-640, no municipio monterrosino.

Un vehículo que se incorporaba a devandita vía nese punto chocou frontolateralmente coa furgoneta sanitaria. As seis persoas que viaxaban repartidas entre os dous vehículos implicados queixábanse de pequenas molestias, aínda que ningunha delas tivo que ser evacuada a causa do accidente.

Ao lugar dos feitos trasladouse unha patrulla do Subsector de Tráfico da Garda Civil e membros do GES de Monterroso. Tamén se chamou a outra ambulancia para poder continuar co traslado da persoa enferma ata o hospital lucense.

Para poder cambiar de vehículo a este paciente coa máxima seguridade, foi necesario cortar durante uns instantes o tráfico, xa que os vehículos sinistrados atopábanse no medio da calzada e nun punto con escasa visibilidade.

accidente en PasUn pouco máis tarde, minutos antes das 15.00 horas, produciuse outro espectacular accidente na saída de Palas de Rei, en dirección a Lugo. A colisión tivo lugar moi preto de onde se atopa a gasolineira de Pas e no mesmo víronse implicados un turismo e unha furgoneta que, posteriormente, foron chocar contra un guindastre e outro coche que se atopaban aparcados. A pesar dos cuantiosos danos materiais non houbo que lamentar feridos e só unha persoa queixábase de pequenas molestias.

Na comarca da Ulloa, a central do 112 Galicia tamén recibiu outra alerta por mor da saída de vía dun turismo que circulaba pola travesía de Martagona, en dirección cara a Toques. Segundo o 112, o condutor do vehículo tivo que ser evacuado por unha ambulancia. Ademais, segundo indicaron os axentes da Policía Local, outras dúas persoas que tamén viaxaban no vehículo resultaron feridas, aínda que non parecían revestir gravidade. Ao lugar desprazáronse ademais axentes do Subsector de Tráfico de Lugo e Protección Civil de Melide. Tamén se informou aos bombeiros de Arzúa, aínda que finalmente non foi necesaria a súa intervención.

VUELCOS E TERRAPLÉN. ás 9.50 horas, á altura do quilómetro 1,600 da estrada LU-P-1910, no termo municipal de A Fonsagrada, tamén houbo unha saída de vía dun vehículo pola marxe dereita, con posterior envorco na calzada, co resultado dunha persoa ferida.

Algo similar ocorreu pola tarde, pouco antes das 17.00 horas, en Barreiros, onde se rexistraron dous feridos leves nunha saída de vía con envorco ocorrida no quilómetro 576 da N-643, na parroquia de San Xusto de Cabarcos.

Lugar onde o vehículo se saíu da vía en SoberAdemais, en Sober un turismo caeu por un terraplén tras saírse da vía cando circulaba polo quilómetro 1,400 da LU-P-5901, resultando ferido o condutor do mesmo. O suceso ocorreu ao redor das 9.00 horas.

Para rematar, un peón resultou ferido en Castroverde ao ser alcanzado por un turismo cando cruzaba a calzada á altura do quilómetro 20,300 da LU-530 (Lugo-A Fonsagrada), en pleno centro urbano. Ao lugar do sinistro acudiron axentes de Tráfico e unha ambulancia de soporte vital básico, que se encargou de evacuar ao ferido.