O día da terra máis internacional

Os lucenses levan a celebración do 25 de xullo máis aló das fronteiras de Galicia e, cada un ao seu xeito, festexa a súa orixe
Sonia Villapol
photo_camera Sonia Villapol e as súas fillas, xunto a escultura na súa honra en Vilalba. EP

O 25 de xullo cadra en luns, pero non é un calquera. É o Día de Galicia, o Día da Patria Galega, o Día do Apóstolo Santiago, patrón de centos de parroquias lucenses... Un deses días do ano que concentra celebracións por todo o mapa. 

En Galicia van retumbar os foguetes polos catro puntos cardinais. O seu eco é caprichoso e resoa nos lugares máis insospeitados: en Houston, entre Alaska e Canadá, en Berlín, en Irlanda, en Barcelona... Hai galegos espallados por todo o mundo e ningún se esquece da data. Se na terra é día de festa, lonxe dela é momento para a morriña.

HOUSTON. Sonia Villapol, científica de Bretoña afincada en Houston (Texas), di que o 25 de xullo "é o día do ano que me inspira a facer novos proxectos persoais e profesionais. Sentir orgullo por ser galega sempre me deu moita coraxe, máis que morriña".

Leva 20 anos fóra de Galicia, pero as súas raíces son fondas e non se desliga da terra. É desas galegas que levan na fronte unha estrela e no bico un cantar. "Desfrutar coa música, coas imaxes, coa historia e coa literatura galega fai que a túa identidade se fortaleza e te empuxe con firmeza para conseguir as metas que te propós, e tamén no ámbito científico. É moi importante isto sobre todo se vives lonxe".

Sonia Villapol aproveita a "coraxe" que sente o 25 de xullo para iniciar novos proxectos

Sonia Villapol é galega de pura cepa e se non se nota ela ocúpase de deixalo claro. "Sempre me gustou levar o carácter de Galicia na maneira de ser e no xeito de facer as cousas, o que en certa maneira te diferencia e che dá vantaxe", comenta a científica de Bretoña.

Pero estar lonxe, para unha persoa que apreza coma ela a esencia de Galicia, fai inevitable a morriña, aínda que sexa en momentos puntuais. "Das sorpresas máis fermosas coas que te podes atopar é escoitar falar en galego cando estás fóra das catro provincias, o que demostra un auténtico desfrute e aprezo pola lingua de quen a fala, alá onde ningunha política lingüística chegou nin chegará".

Defende o papel dos galegos da diáspora na defensa da identidade de pobo e na construción da Galicia actual. "O Día da Patria nunca deixou de conmemorarse polas sociedades galegas da emigración, mesmo durante os anos que en Galicia estaba prohibido festexalo. Pero da galeguidade da diáspora ninguén se acorda, nin agora nin hai cen anos, a pesar de que o país non tería o desenvolvemento que ten hoxe sen o impulso cultural, económico e tecnolóxico que lle deu a xente que emigrou".

"Escoitar falar galego onde ningunha política lingüística chegou nin chegará é unha das sorpresas máis fermosas coas que te podes atopar"

Sonia Villapol di que nas dúas décadas que leva fóra de Galicia "non houbo un ano no que se me esquecera o Día da Patria Galega". Lembra que durante os seus tempos de universitaria en Santiago de Compostela participaba "nos eventos culturais que se organizaban o 25 de xullo e nas multitudinarias manifestacións no Obradoiro e na Quintana. Tamén as celebracións continuaron cando vivía en Cataluña, coa ampla diáspora galega alí asentada, que sempre organizaba eventos culturais neste día. Xuntabámonos no Centro Galego ou no Foro Cívico Galego de Barcelona, onde fun a clases de pandeireta, ou participaba na revista cultural ReNOVA GaLIza, que sacaba número novo nesta data". 

Despois marchou a Francia e de alí a Estados Unidos. Desde entón, conta que as celebracións foron "máis na intimidade", pero sen perder unha ocasión de festexar a honra de ser galega.

Jacobo Lagüela, coa súa avoa.
Jacobo Lagüela, coa súa avoa Julia Barrio.

ENTRE ALASKA E CANADÁ. Aí vai pasar o 25 de xullo o vilalbés Jacobo Lagüela Castro e avanza a súa intención de que todo o mundo se entere de que está de celebración. "Tamén é o meu santo. Sen dúbida farei algo especial", comenta con determinación.

Jacobo Lagüela vive habitualmente no Reino Unido e traballa no sector audiovisual, pero recentemente cruzou o océano para participar na rodaxe da serie Gold Rush. Móvese entre Alaska e Canadá e neste periplo laboral comparte aloxamento cos compañeiros de traballo.

Todos van escoitar música galega ese día. "Non sabería concretar o que se me vai ocorrer, pero o que seguro que farei será poñer música galega no campamento onde nos quedamos", avanza. Dálle a risa só de pensar nese momento: "Americanos, canadenses e ingleses escoitando galegadas. Imaxinas?" Na súa man queda a alfabetización musical dos seus compañeiros de rodaxe.

Jacobo Lagüela estará entre Alaska e Canadá e porá música galega para os seus compañeiros

Dándolle voltas á idea da celebración, Jacobo Lagüela cae na conta de que ten unha ferramenta aínda mellor para amosar na outra beira do Atlántico o que é Galicia. "Igual aínda lles poño o filme da miña avoa", apunta.

A avoa deste rapaz de Vilalba é a protagonista do documental Julia, a esperanza de salvar as nosas raíces. O neto tomouna como referencia para contarlle ao mundo como é o rural galego e o importante papel que xogou a muller ao longo dos tempos. Julia Barrio será o 25 de xullo a encargada de ensinarlles aos compañeiros de traballo do seu neto cales son as súas orixes e o moi orgulloso que Jacobo Lagüela está delas.

Jorge Pérez Polín
Jorge Pérez Polín.

IRLANDA. Jorge Pérez Polín é de Guitiriz e vive no condado de Mayo, en Irlanda. Di que o 25 de xullo vai "tentar facer unha empanada". O menú, tan habitual nos entrantes do día do patrón, ten mérito fóra das fronteiras galegas porque, como ten constatado este emigrante, non abunda o bo pan polo mundo. "Aínda non atopamos nada de pan por aquí", comenta, e moito menos algo parecido á torta de Guitiriz.

Jorge Pérez ten previsto facer unha empanada para paliar a falta de bo pan en Irlanda

Falar de pan, ese alimento tan básico na dieta galega e tan diferente no resto do mundo, dispara a morriña de xeito inmediato. Pero Jorge Pérez vaina combater pola vía rápida, de fronte e con valentía. Está decidido a enfundarse no mandil e vai amasar, facer o prebe da empanada e cocer ao estilo galego. Se o resultado é bo, para a próxima fornada o reto será a torta de millo de Guiritiz. Quen dixo medo?

Sanjurjo
Javier Sanjurjo.

BERLÍN. Javier Sanjurjo traballa como arquitecto en Berlín (Alemaña). É de Vilalba e habitualmente aproveita estas datas para volver á casa, pero este ano non pode. Estará lonxe por unha boa causa. Acaba de ser pai dunha nena e vai retrasar un pouco a viaxe a Galicia. O luns estará en Berlín e confirma que pasará o Día de Galicia "con morriña". Igual que o seu veciño de Guitiriz, intentará saciar a saudade cun menú a base de "produtos da terra".

Javier Sanjurjo preparará un menú a base de produtos da terra para saciar a morriña en Berlín

O bo de aprazar as vacacións é que non se gastan tan axiña. A viaxe de Javier Sanjurjo a Vilalba queda pendente. Serviralle para repoñer existencias deses produtos tan prezados fóra das fronteiras e, nesta ocasión, para amosarlle a terra de orixe á súa filla. Este ano, merece a pena agardar.

Iago Diéguez
Iago Diéguez.

BARCELONA. Iago Diéguez é de Lugo e traballa de médico en Barcelona. O 25 de xullo non lle pasa desapercibido nunca. Está de santo e este ano terá que festexalo lonxe da casa, pero non estará só. "O meu irmán e a súa moza están de viaxe e pararán ese día en Barcelona. Aproveitaremos para xantar en familia". Comenta que, "aínda que se sente morriña, e máis en días tan especiais coma este para todos os galegos, compensa poder pasar un tempo con parte da miña familia".

Iago Diéguez buscará unha torta típica galega para celebrar o seu santo en Barcelona

Aínda está pensando no tipo de celebración, pero está seguro de que algo atopará. "En Barcelona hai moitos lugares onde se venden produtos galegos. Aproveitarei a ocasión para mercar unha torta de Santiago, unha bica ou unha larpeira para darlle un toque galego ao día", avanza.

De Houston ata Barcelona, os galegos non esquecen o seu día e todos atopan o xeito de celebrar o orgullo da súa orixe.

Comentarios