A Deputación repartirá 201.000 euros entre as asociacións culturais

Maite Ferreiro precisou que as subvencións están dirixidas á organización de actividades ou para a renovación e mellora dos locais sociais
Maite Ferreiro. EP
photo_camera Maite Ferreiro. EP

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo distribuirá 201.000 euros entre as asociacións culturais da provincia para o financiamento de actividades ou para a renovación de mellora e equipamentos e instalacións nos seus locais sociais. Un total de 135 colectivos poden acceder a esta convocatoria, segundo se recolle na resolución provisional publicada no Boletín Oficial da Provincia.

No que atinxe á resolución de achegas para actividades de interese cultural, 89 asociacións poderán beneficiarse dunha partida global de 130.000 euros para desenvolver o seu traballo habitual ou ben financiar algunha cita concreta.

Unha segunda liña de subvencións permitirá a 46 entidades da provincia mellorar as instalacións e equipamento dos locais sociais, distribuíndo entre elas un montante de 71.000 euros. A mellora substancial destes espazos reflectirase na compra de mobiliario para os locais, equipos de son e material audiovisual, equipos informáticos e outras infraestruturas. 

Mantemos o apoio e compromiso coas asociacións das distintas comarcas para mellorar a dinamización cultural

A vicepresidenta da Deputación e responsable de cultura, Maite Ferreiro, sinalou que "mantemos o apoio e o compromiso coas asociacións das distintas comarcas para mellorar a dinamización cultural en todas as súas vertentes, potenciar a historia, a música e as tradicións galegas, así como o uso do idioma, e acondicionar os lugares onde se poidan desenvolver este tipo de actividades". 

Maite Ferreiro puxo en valor este investimento da área de cultura, "que é unha das principais fontes de financiamento para o tecido asociativo, cuxo labor é fundamental á hora de garantir acceso á actividade cultural en todo o territorio e xera un dinamismo moi necesario para manter o tecido económico vinculado á creación e a produción cultural".

Comentarios