A Deputación reclama medidas á Xunta para garantir os empregos en Muebles Hermida

Tamén se aprobou, co voto do PP en contra, solicitar unha unidade de ictus para o Hula
José Tomé, en los pasillos de San Marcos. EP
photo_camera José Tomé, en los pasillos de San Marcos. EP

A corporación provincial aprobou por unanimidade no pleno ordinario celebrado este martes reclamar medidas á Xunta que "garantan o futuro" de Muebles Hermida, en Lourenzá, e o mantemento dos seus preto de cen postos de traballo. Tamén acordou pedir o deseño dunha política de incentivos que contribúa a manter as empresas lucenses e a captar novas industrias e instar ao Fondo de Garantía Social (Fogasa), organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Traballo, a que axilice "o antes posible" o pago dos salarios que Muebles Hermida debe aos traballadores e traballadoras.

A proposta en apoio da empresa,  xa rexistrada dende o 26 de decembro polo Goberno provincial para o seu debate, foi transformada nunha declaración institucional que contou coa unanimidade da Corporación despois de que o PP se sumase este mesmo martes á iniciativa do Executivo do PSOE e BNG. Os populares solicitaron unha xunta de voceiros para plantexar a adhesión á proposta do Goberno, algo que este aceptou.

Os grupos provinciais amosan na declaración institucional o seu “apoio, solidariedade e compromiso cos traballadores e traballadoras de Muebles Hermida e as súas familias”, ao tempo que esperan que “o administrador concursal habilite canto antes a posibilidade de que os empregados perciban os salarios canto antes”.

UNIDADE DE ICTUS NO HULA. A Deputación de Lugo, co voto en contra do PP, demanda á Xunta de Galicia a creación dunha unidade de ictus no Hospital Lucus Augusti (Hula). Así o acordou o pleno logo da moción presentada polo PSdeG, que contou co apoio do BNG. 

“Os estudos médicos teñen demostrado que as unidades de ictus reducen as cifras de mortalidade, melloran o proceso de recuperación e diminúen a dependencia dos e das pacientes. É, ademais, unha medida custo-efectiva, xa que diminúe o tempo de estancia media dos e das pacientes”, argumentou a Deputada provincial e voceira do grupo socialista, Pilar García Porto.

Neste sentido, o PP lamentou que “o grupo provincial do PSOE na Deputación pida servizos sanitarios para o Hula que xa están en funcionamento”.

PRAGA DE ROEDORES. O pleno tamén aprobou na sesión deste martes a moción do PSdeG-PSOE, cos votos en contra do PP e a favor do BNG, para reclamar medidas urxentes contra a praga de roedores que sofre o agro lucense. Desde a pasada primavera, gandeiros e agricultores veñen alertando do incremento da presenza da coñecida como rata-toupa nas zonas altas dos concellos de Triacastela, Pedrafita, Samos, Cervantes, O Courel e As Nogais. 

Entre as medidas demandadas, a Deputación de Lugo esixirá á Xunta de Galicia un plan de loita que conte con achegas da universidade e centros de investigación, unha liña de investigación permanente para seguir a evolución da especie, habilitar axudas económicas para os afectados cun sistema de compensación por hectárea semellante ao adoptado xa noutras comunidades autónomas e tomar medidas para garantir que as explotacións afectadas pola praga non teñan impedimentos para computar para a PAC.

GALEGO. Por último, a Deputación de Lugo insta á Xunta de Galiza a derrogar o decreto para o plurilingüismo, que marca a política lingüística no ensino non universitario desde a chegada de Nuñez Feijóo ao goberno galego.

Así o recolle a moción impulsada polo BNG e aprobada este martes no pleno provincial, que dá eco ao último informe do Comité de Expertos do Consello de Europa en relación coa Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias. A proposta tivo os votos en contra do Partido Popular.

O catamarán do Miño
O deputado popular Javier Castiñeira formulou unha pregunta ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para que explicase o que "de todos é sabido que pasou co catamarán do río Miño Pelegrín I".

"Deixouse de ofrecer o servizo xa fai tempo, abandonouse e descoidouse o seu mantemento que dende o Partido Popular xa apercibiramos en numerosas ocasións acertando, desgraciadamente, sobre o prognóstico sobre o seu fatal afundimento acompañado da mala imaxe que deu a Deputación de Lugo neste sentido", lamentou.

Comentarios