A Deputación aproba unha declaración institucional de apoio ás persoas con ELA

O documento acordado conta co apoio dos tres grupos representados na Corporación: PSdeG, BNG e PPdeG
230524 Xunta de voceiros
photo_camera Xunta de voceiros da Deputación. EP

A xunta de voceiros da Deputación de Lugo aprobou nunha reunión convocada polo Presidente, José Tomé Roca, unha Declaración Institucional de apoio ao colectivo de persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). O documento acordado conta co apoio dos tres grupos representados na Corporación: PSdeG, BNG e PPdeG.

Na declaración, a Deputación amosa o seu compromiso e sensibilidade coas persoas que padecen esta enfermidade. Así mesmo, indica que nos próximos 30 días dará traslado ao poder lexislativo estatal para que proceda a tramitación de xeito preferente, urxente e prioritario dunha proposición de lei que recolla as mellores achegas de cada unha das normas aprobadas unanimemente e non esqueza que a garantía dos coidados 24 horas e 7 días á semana deben constituír a base fundamental da futura lei.

Ademais, nela comprométese a continuar colaborando cos afectados pola ELA e dentro das súas posibilidades, poñendo á súa disposición o asesoramento técnico dos Servizos Sociais provinciais á hora de tramitar todas aquelas axudas e prestacións establecidas para a mellora da calidade de vida dos doentes e das súas familias.

Comentarios