Campos confía en ter listo o proxecto de orzamentos da Deputación a próxima semana

As contas ascenderán a 86 millóns de euros

Foto de archivo de Darío Campos. J. VÁZQUEZ
photo_camera Foto de arquivo de Darío Campos. J. VÁZQUEZ

O presidente da deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, avanzou este martes, antes dun pleno ordinario de trámite, que confía en ter "concluído" o proxecto de orzamentos a próxima semana. 

Campos deixaba este luns un esbozo das contas provinciais, que ascenderán a 86 millóns de euros (incluído Suplusa e os bombeiros dos parques comarcais), na comisión de Orzamentos do Parlamento de Galicia. 

Así mesmo, confirmou que espera que "a finais da semana que vén estean rematados", e, indicou, unha vez sexa así se pasarán aos diferentes grupos". "Negociaranse e intentaremos levalos (ao pleno) en novembro, como xa dixera", explicou. 

En canto ás negociacións cos outros grupos, dado que o PSOE goberna en minoría, anticipou que se iniciarán cando estea o documento "elaborado". 

Do borrador de orzamentos, destacou que se garante outro Plan Único (no que participan os 67 concellos da provincia), sobre 20 millóns de euros "ou superior dependendo dos remanentes". 

Ademais contempla "dous millóns de euros" para a apertura "de seis ou sete residencias" para maiores que programa o goberno provincial, que "terán que estar acabadas o próximo ano". "Tamén seguimos traballando nas estradas, con máis de dez millóns de euros", debullou. 

Finalmente, sobre Alcoa, deixou entrever que se poida alcanzar un acordo con todos os grupos provinciais para unha declaración institucional para que "Alcoa siga aí, que non marche porque para A Mariña sería moi duro que Alcoa desaparecese", indicou en relación á factoría de San Cibrao (Cervo). 

Comentarios