O covid concello a concello: Xove roza os 3.500 casos por cada cen mil habitantes

Catro dos cinco municipios lucenses cunha incidencia acumulada superior a 500 están na Mariña
RAFA PONTEVEDRA POR ALERTA SANITARIA CORONAVIRUS
ANALITICAS EN RECINTO FERIAL
photo_camera Unha enfermeira. EP

O aumento dos casos de coronavirus en Lugo dispara os datos de incidencia acumulada nos municipios lucenses, segundo os datos ofrecidos polo Sergas. Esta escalada é especialmente rechamante nos municipios con maior número de casos, como ocorre con Xove.

O concello mariñán, que xa este mércores mostraba unha incidencia acumulada de 2.502 casos por cada 100.000 habitantes, ascende ata os 3.448, cifra que o sitúa, de lonxe, como o municipio galego en peor situación.

Tamén sobe a taxa de novos contagios na Pastoriza, o segundo municipio lucense con peores datos. A localidade chairega alcanza unha taxa de 2.632. 

A provincia conta con outro municipio que pasa os 1.000 novos casos por cada 100.000 habitantes nas últimas dúas semanas. Trátase deViveiro, con 1.468.

A situación na Mariña é alarmante, xa que os outros dous concellos que superan a liña do medio milleiro son O Vicedo (724) e Burela (547).

MUNICIPIOS SEN COVID. O número de municipios sen ningún novo caso de coronavirus nas dúas últimas semanas chega ata a vintena, un máis que este mércores, ao unirse á lista Becerreá. A lista confórmana Antas de Ulla, Baleira, Becerreá, Begonte, Bóveda, Cervantes, Folgoso do Courel, Lourenzá, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Paradela, O Páramo, Pedrafita do Cebreiro, Pol, Ribeira de Piquín, Samos, O Saviñao, Sober e Triacastela. 

A incidencia acumulada do virus continúa subindo tamén nas sete principais cidades de Galicia. Santiago conta cos peores datos, xa que con 416 casos nos últimos catorce días, suma unha incidencia de 425.

Lugo, pola súa banda, conta cos mellores rexistros, cunha taxa de 119. Pontevedra tamén baixa do limiar dos 200 (194).

CIDADE CASOS NOS ÚLTIMOS 14 DÍAS INCIDENCIA
Santiago 416 425
A Coruña 942 380
Ourense 422 399
Ferrol 224 341
Vigo 749 252
Pontevedra 162 194
Lugo 118 119

Comentarios