As contas da Deputación, de case 92 millóns, inclúen a disolución de Suplusa 

José Tomé participou no acto de presentación dos orzamentos para o próximo exercicio, que levarán a un pleno extraordinario o 5 de decembro
José Tomé con Maite Ferreiro y Mayra García. DEPUTACIÓN
photo_camera José Tomei con Maite Ferreiro e Mayra García. DEPUTACIÓN

Os orzamentos da Deputación de Lugo para 2020 ascenderán a un montante que se aproxima aos 92 millóns de euros, un texto que xa reflicte a decisión de disolver a Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa). 

O presidente da Deputación, o socialista José Tomé, acompañado da vicepresidenta, a nacionalista Maite Ferreiro, participou no acto de presentación das contas para o próximo exercicio, que levarán a un pleno extraordinario o 5 de decembro. 

Tomé concretou que estes orzamentos ascenden a 91.742.793,61 euros. Isto supón un "aumento en relación ao ano anterior de 3,2 millóns de euros, cerca un catro por cento con respecto a 2019", que se debe "fundamentalmente á subida da participación nos tributos do Estado". Nas contas do próximo ano tamén se reflicte a decisión de disolver a Suplusa. 

"Ao estar en fase de liquidación non é necesario achegar fondos, tendo en conta ademais os recursos existentes na propia sociedade. Esta medida figura recollida no pacto que asinamos os socios de goberno (PSOE e BNG) e que foi referendada por unanimidade nun pleno da deputación.

Unha decisión que xunto con outras consegue recuperar a tranquilidade e normalidade institucional desta casa", sinalou. 

Tomé asegurou que os orzamentos "están apegados á realidade da provincia, que aplica a través da cooperación cos municipios políticas progresistas para favorecer a cohesión social, para favorecer o equilibrio territorial e o impulso da economía e o emprego". 

Para conseguir isto, o presidente provincial advertía que se potencian" varias liñas de actuación, entre elas "as políticas sociais, a cooperación cos municipios, a mellora da rede viaria provincial e o impulso dos sectores produtivos". 

Neste ámbito, políticas sociais, destínanse máis de 30 millóns de euros que "supoñen preto dun 33 por cento" do total do orzamento. Aquí inclúense partidas dirixidas a benestar, "emprego, cultura, deporte ou educación".

COMPROMISOS. Para 2020, tamén se reservan nove millóns de euros para os centros de atención a persoas maiores, "que é a partida necesaria para o funcionamento das tres residencias abertas", Pol, Trabada e Ribadeo e para "conseguir pór en marcha as da Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita e si fose posible Meira e Ribas do Sil". 

Tomé puña o acento que "o goberno provincial seguirá adiante con todos os compromisos", e así o acordaron no pacto de goberno, cos concellos, e que ao mesmo tempo esixirán á Xunta "que asuma a súa responsabilidade en materia de servizos sociais". 

"Xa dixen que se a Xunta acepta, e fai ben en facelo, as doazóns do dono de Inditex para novas residencias, non sei que motivo pode ter en contra de aceptar as residencias que lle poida ofertar a Deputación de Lugo", reivindicou. 

Polo demais, para as contas de 2020 mantense o Plan Único de Cooperación cos concellos, para o que se consignarán máis de vinte millóns de euros, e outros 14 máis para o mantemento da rede viaria provincial, máis de 4200 quilómetros, que precisaba Tomei é "tres veces superior á da Xunta (rede viaria galega) en Lugo". 

Comentarios