Construíndo Os Ancares

A arquitecta estremeña Montserrat Lamela sempre sentiu devoción pola paisaxe rural do noroeste de España. Este foi un dos motivos que a levou a escoller catro aldeas dos Ancares como protagonistas do seu traballo de fin de grao
Aldea de Balouta. Montserrat Lamela
photo_camera Aldea de Balouta. Montserrat Lamela

Montserrat Lamela leva toda a súa vida visitando diferentes aldeas da zona dos Ancares, e aínda que sempre estivo interesada no ámbito rural, nunca pensou que esta comarca sería a protagonista do seu traballo de fin de grao (TFG).

Lamela, natural de Cáceres, cursou os primeiros catro anos do grao de Arquitectura na Escola Técnica Superior da Universidade de Sevilla. No seu quinto curso obtivo unha bolsa SICUE que lle permitiu estudar na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid da Universidade Politénica da capital. Foi alí onde un dos seus profesores animouna a centrar o seu TFG na arquitectura de diversas aldeas dos Ancares.

O vínculo entre Montserrat e Galicia non é casual, xa que a súa familia paterna é da aldea de Miranda, situada no municipio de Castroverde, e en todas as súas visitas sempre lle chamou a atención a particular arquitectura da zona, moi diferente ao que estaba afeita a ver.

Na súa investigación centrouse en catro aldeas: tres leonesas e unha lucense, todas elas situadas na comarca tradicional ancaresa.

A aldea lucense escollida foi Vilarello, pertencente á parroquia de Donís, no concello de Cervantes. A Montserrat este lugar chamoulle a atención tanto polo "asentamento do territorio" como pola transformación negativa da arquitectura e da paisaxe, que se pode apreciar a nivel visual".

Outra das aldeas seleccionadas foi Balouta, pertencente á provincia de León, que destaca pola "relación que ten a paisaxe coa auga".

As aldeas bercianas de Campo da auga e Aira da Pedra sorprenderon a Lamela pola particular situación que se dá entre ambas: "Campo da auga está asentada nun territorio montañoso mentres que Aira da Pedra sitúase nunha contorna fluvial, o cal provocou que a poboación da zona trasladásese a unha ou outra aldea en función da época do ano" explica. Esta adaptación influenciada polo clima tamén se pode observar na arquitectura e a paisaxe, segundo destaca na súa investigacion.

De todas as construcións tradicionais, a palloza foi a que máis lle chamou a atención. Este é un edificio de planta oblonga e teito de palla que antes actuaba como vivenda e que forma parte da arquitectura máis tradicional do noso territorio.

Montserrat Lamela denunciou na súa investigación o mal estado no que se atopa o patrimonio da zona

Os hórreos e os muros de pedra tamén sorprenderon á estremeña. En xeral, resalta que moitas das construcións "xorden vinculadas á actividade agrícola e gandeira", propia da zona dos Ancares.

Montserrat tamén usou o seu TFG para denunciar o estado de abandono no que se atopan moitos pobos do ámbito rural.

Nas súas conclusións resalta que esta situación é consecuencia, en parte, do éxodo cara ás cidades, que provocou que estas aldeas apenas alcancen a vintena de veciños e que estes non poidan facer fronte á restauración do patrimonio.

Aínda que Lamela recoñece que agora "a poboación volve interesarse polo medio rural", isto non resulta suficiente. "é necesario un esforzo por parte das institucións competentes" para poder reverter esta situación, conclúe.

Comentarios