Concertos á carta con André Espiñeira

O músico de Chantada ofrece actuacións nas que o público pode elixir entre máis de cen temas de estilos moi diferentes

André Espiñeira. EP
photo_camera André Espiñeira. EP

Poida que creatividade sexa a palabra que mellor defina a André Espiñeira. Este mozo músico suma á súa destreza coa guitarra a amplísima oferta musical dispoñible na actualidade en Chantada e fíxoo dunha forma moi particular. Nos seus concertos, é o público quen elixe cal vai ser a seguinte canción en soar.

"O concepto é similar ao dunha cea onde a xente le o menú e pide o que desexa", explica André, cuxo nomee artístico é ‘Inzo'. No seu repertorio hai un total de 104 temas moi variados e de estilos totalmente diferentes. Cando dá un concerto ofrece a súa lista aos asistentes e, coma se estivesen ante unha gramola, estes van facéndolle peticións.

"Este proxecto obrígame a tocar cancións moi diversas e incluso hai algunhas que persoalmente non me gustan, pero o importante é adaptarse ao público e ofrecer temas que gusten a case todo o mundo", indica o músico. Con esta fórmula xa deu uns dez concertos en Chantada.

Nese lista-menú de André Espiñeira soa desde ‘O peirao de San Blas', de Maná, ou a famosa ‘Carolina', de M-Clan, a Radiohead, Izal, Red Hot Chili Peppers ou Nacha Pop. Tamén dispón de temas en galego de artistas como Andrés do Barro ou Xoel López.

A nostalxia ten outro importante sitio durante as súas actuacións grazas ás cancións de películas de Disney como ‘Hércules' ou ‘O libro da selva'. Este tipo de pezas forman parte do repertorio máis infantil de André Espiñeira. "Estou a traballar para tocar cancións para nenos máis modernas, de series e películas actuais", anuncia.

TRAXECTORIA. O idilio de André Espiñeira coa música empezou a unha idade moi temperá.  Ademais da guitarra, o artista desenvólvese co violín, instrumento que deixou de tocar no seu día e que retomou.

O mundo do folclore supón outro dos seus intereses. "Procuro meterme sempre en proxectos relacionados con este estilo, porque teño moito que aprender aí", sinala. Él é un dos integrantes de Folk on Grelos, unha banda de creación moi recente en Chantada que nunha semana dará un concerto con motivo das festas patronais no mesmo escenario que o histórico grupo Rastreros.

Antes, André Espiñeira formou parte xunto ao seu irmán de Emet, unha banda que xurdiu en Madrid, onde residiu uns anos. Nubes de Malta, Mundo de Murphy e Hynkel son os nomes doutros proxectos musicais dos que formou parte no pasado.

Outra das súas iniciativas é a de Phantom Mollo. A través dela gravou o seu primeiro disco e xa está inmerso noutro. O seu segundo álbum de estudo chamarase ‘13 lobos'. Esta carreira musical permitiulle tocar en festivais como o Areal Sound  e en escenarios como o Teatro Reina Vitoria.

Comentarios