O Concello de Friol sortea case 2.000 euros en premios na XIV Feira do Cabalo

O evento celebrarase o día 11 no mercado municipal e terá como novidade unha competición de andaina galega e un concurso de trote
2019080117255284394
photo_camera Presentación do evento na casa consistorial de Friol. EP

Friol celebrará o próximo 11 de agosto a XIV edición da popular Feira do Cabalo no mercado municipal. O Concello investirá 15.000 euros na súa organización, que sairán exclusivamente das arcas municipais, e que permitirán programar diferentes e novas exhibicións e concursos nos que se repartirán case 2.000 euros en premios.

A feira dará comezo ás 10.30 horas, momento no que se abrirán as mesas de inscrición na entrada do mercado para que se apunte todo aquel que queira participar. Segundo o alcalde do municipio, José Ángel Santos, o número de inscricións estímase entre os 100 e 150 cabalos, do mesmo xeito que en anos anteriores.

A xornada contará cun espectáculo ecuestre de doma baixo o nome de Cabalos e Razas do Mundo que se celebrará ás 12.30 horas e na que participarán varias razas, talles como pura raza galega, lusitanos, pura raza española, shetland e mini shetland. Tamén levará a cabo a presentación dos exercicios acrobáticos e de equilibrio sobre os animais por parte da ximnasta alemá Corinna Sonja e, ás 17.00 horas, unha yincana ecuestre de libre participación.

NOVIDADES. Este ano, substituiranse os concursos morfolóxicos por competicións de dúas modalidades de andaina galega -serrada e chapeada-, ademais de concursos de trote. No programa tamén destaca a exhibición do famoso burricán acróbata "Marcial" ás 17.30 horas, coñecido por ser o protagonista do programa da TVG Cos pés na terra, que actuará por primeira vez nun evento en Galicia.

Todas estas actividades supoñen un importante investimento económico para as arcas municipais, que achegarán 15.000 euros, a totalidade do orzamento necesario para realizar a Feira do Cabalo. Con todo, o alcalde friolés quixo apuntar que "é de agradecer a implicación da xente nas actividades que se ofertan dende o Concello".

Tendo en conta as novidades do programa deste ano, estímase que a feira chame a atención de bastante xente e acolla por centos de visitantes de toda a provincia. Ademais, os asistentes que cheguen montados dacabalo entrarán na participación do sorteo dun poldro.

A presentación do evento tivo lugar onte na Casa Consistorial de Friol. Nela, participaron o alcalde, acompañado pola concelleira de Cultura, María Ángeles Buján e o concelleiro de Obras e Feiras, Jesús Cortiña.

Desde o equipo de goberno, esperan que os asistentes gocen tanto das actividades ecuestres, como da gastronomía, os servizos, a riqueza paisaxística e os monumentos e contornas que ofrece o municipio.

Comentarios