O Concello da Fonsagrada dedica 100.000 euros a renovar a alameda

Instalaranse un parque biosaludable, unha pista de herba artificial e unha zona de xogos

2019071717582270750
photo_camera Alameda fonsagradina. TANIS

O Concello da Fonsagrada renovará por completo o espazo que ocupa a alameda municipal, cun investimento de máis de 100.000 euros procedentes dun convenio de colaboración coa Deputación de Lugo.

Trátase dunha ambiciosa actuación que consistirá en dotar de novos espazos a unha das principais zonas do municipio.

As obras son financiadas grazas a un convenio coa Deputación. Arrincarán a finais de ano e estarán listas a mediados de 2020

En concreto, instalarase un parque biosaludable cun completo circuíto de máquinas destinadas a exercitar as distintas partes do corpo. Para iso remodelarase a contorna da alameda que está próximo á residencia da terceira idade, edificio que o Concello prevé abrir nos próximos meses.

O goberno local fonsagradino arranxará ademais a zona de xogos infantís existente, con novos espazos para os máis pequenos.

Para rematar, reformarase completamente a pista de baloncesto e habilitarase unha nova para practicar fútbol que contará con céspede artificial.

A Deputación de Lugo sufraga estes traballos e o goberno local fonsagradino achega a cantidade correspondente ao IVE, que ascende a unha partida de máis de 17.500 euros.

Actualmente o proxecto atópase en fase de redacción e espérase que logo da época estival poida saír a licitación. O rexedor local, o socialista Carlos López, avanzou que espera que as obras arrinquen a finais de ano e prevé que estarán listas a mediados de 2020.

OBRA "IMPORTANTE". O alcalde fonsagradino destacou a importancia desta actuación "que pretende dotar de novos servicios ao noso municipio para o use o desfrute de todos os veciños da Fonsagrada. Así, poderán divertirse desde os máis pequenos, cun novo parque totalmente remodelado, máis moderno e con máis espazos; ata os máis maiores, que poderán darlle uso a unha zona destinada a facer ximnasia ao aire libre", resaltou.

O dirixente local sinalou tamén que se trata dun proxecto "que dá unha nova vida a un dos principais espazos da nosa localidade".

Comentarios