O club de pesca Río Ladra pide á Deputación o arranxo da ponte entre Begonte e Outeiro de Rei

Estado da ponte sobre o río Ladra entre Uriz e Gaioso. EP
photo_camera Estado da ponte sobre o río Ladra entre Uriz e Gaioso. EP

A sociedade deportiva de pesca Club Río Ladra enviou un escrito ao presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para trasladarlle as "graves deficiencias" que se observan na ponte sobre o río Ladra, na LU-P-5101, que se atopa entre as localidades de Uriz (Begonte) e Gaioso (Outeiro de Rei).

O presidente do colectivo, José Manuel López Castro, demanda de xeito especial a reparación das barandillas do viaducto para evitar "posibles danos persoais".

López Castro lembra que se trata dun lugar frecuentado por multitude de familias ao longo do ano, "que aproveitan para dar un paseo unha vez rematada a visita gastronómica ao restaurante situado ao pé da ponte".

O escrito vai acompañado de fotografías do viaduto, nas que se evidencia que a maleza invade gran parte da ponte, como denuncia a sociedade de pescadores.

Os seus responsables apuntan que a limpeza da zona "permitiría un maior goce da beleza paisajistica da contorna e da arquitectura da propia da ponte, como un aliciente máis".

Comentarios