Os centros de saúde lucenses baten a marca de consultas con 3,6 millóns

Os PAC da provincia atenderon durante o pasado ano unha media de 570 urxencias diarias
Hospital Público da Mariña. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Hospital Público da Mariña, en Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Os centros de saúde da provincia de Lugo atenderon durante o pasado ano un total de 3.599.113 consultas, o que supón a cifra máis alta alcanzada ata o momento xa que son 53.346 consultas máis que as rexistradas en 2018.

Esta cifra supón, ademais, que o conxunto destas instalacións na provincia acollen cada día a uns 14.000 pacientes, que son atendidos polo seu médico de familia, persoal de enfermería ou distintos especialistas como odontólogos ou matronas.

Segundo estes datos facilitados polo Sergas, os lucenses acoden unha media de nove veces ao ano ao seu centro de saúde. A maioría destas visitas (1.902.604) foron vistas polos médicos de familia, que incrementaron en 25.298 o número de consultas atendidas en 2018.

Os servizos de enfermería dos diferentes centros lucenses tamén son outros dos profesionais máis demandados. En concreto, o pasado ano recibiron 1.252.843 consultas, 9.077 máis que o ano anterior. Os especialistas en pediatría atenderon, pola súa banda, 187.212 consultas de nenos menores de 15 anos, o que supón 1.656 máis con relación a 2018.

Os lucenses acoden unha media de nove veces ao ano ao seu centro de saúde

Os demais profesionais do Sergas tamén incrementaron de forma significativa o seu volume de actividade. Un exemplo diso son os odontólogos-hixienistas, que viron a máis de 48.000 pacientes (1.000 máis que en 2018) ou as matronas, que atenderon 40.244 consultas en 2019, 2.570 máis que o ano anterior.

URXENCIAS. A actividade de urxencias realizada polos Puntos de Atención Continuada (PAC) da provincia tamén se incrementou lixeiramente con relación á rexistrada en 2018. Neste sentido, o pasado ano atendéronse un total de 207.166 urxencias, o que supón unhas 570 diarias.

Da cifra total, 109.470 casos requiriron a asistencia conxunta de persoal facultativo e de enfermería; 84.800 foron atendidas unicamente por facultativos e 12.051 fóronos só por persoal de enfermería.

Ademais, do total de 207.166 urxencias atendidas, 18.657 casos precisaron derivación do paciente ao seu hospital de referencia, o que supón un 9,9% do total dos casos.

Para este ano, o Sergas ten previsto incrementar en dez prazas o persoal de atención primaria dos centros de saúde lucenses, o que supón o maior incremento de traballadores dos últimos anos.

Medio centenar de operacións diarias no Hula 
No caso do Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula), o pasado ano atendeu unha media diaria de 1.800 consultas externas e 270 urxencias. Ademais, nestas instalacións realízanse tamén unhas 50 operacións cirúrxicas diarias. 

A Mariña 
No Hospital Público da Mariña a actividade de 2019 foi das máis altas dos últimos anos. Atendéronse 113.820 consultas e realizáronse 5.484 intervencións, unhas 17 cada día. Ademais contabilizáronse 5.563 ingresos e pola área de Urxencias pasaron 23.489 pacientes, o que supón unha media de 64 cada día. 

Monforte 
No hospital de Monforte realizáronse o pasado ano máis de 94.000 consultas externas e un total de 3.500 operacións cirúrxicas.

Comentarios