A caza do raposo enfronta dous mundos antagónicos

A loita volve aos montes galegos como cada apertura de veda anual, con ecoloxistas e cazadores que se encaran nas batidas
Un zorro. PIXABAY
photo_camera Un raposo. PIXABAY

Mentres uns limpan e engraxan as súas escopetas os outros compran bucinas. A cita é no monte, á primeira hora da mañá, como cada principio de ano, coincidindo coas poucas semanas de apertura da veda do raposo. O ano pasado, os ecoloxistas tocaron teito con protestas xeralizadas e a presenza do televisivo Frank da Xungla e as súas cámaras. Este xaneiro, a cousa está máis acougada, pero co sentimento xeralizado de que os pro natureza son cada vez máis numerosos. Non en balde, o seu partido, o Pacma, o máis votado sen representación parlamentaria, tería polo menos dous deputados se houbese circunscrición única. 

No outro extremo están os cazadores. Normalmente xente do rural, que transmite esa afección ancestral de pais a fillos. Saen armados os fins de semana, pero estes de xaneiro e febreiro coa particularidade de que a caza do raposo é especial. Cinco horas, en batidas de dez compañeiros, nunha zona acoutada e con rivais, coma se fose a Champions dos canóns. Os máis acertados reciben premios, co cal ao xa de seu adrenalínico día de caza súmase a competición cos rivais, que se sela ao final con entrega de premios e enchente. 

O ecoloxismo organízase doutra banda. Xente máis nova e máis urbanita, plántase estes días enfronte do outro bando co son das súas bubucelas como única arma para espantar o raposo e privarlle dunha morte segura. Detrás de cada tirador hai un ecoloxista ruidoso, o que leva a tensión aos montes, tanto que algún ano houbo incluso enfrontamentos que chegaron ás mans. 

A principal novidade esta campaña é que, vista a tensión do ano pasado, os cazadores decidiron ser máis discretos e non anunciar as súas batidas aos catro ventos. Tampouco sinalizalas para non dar pistas aos das bucinas. Como en todo, isto ten o seu oxímoron: os ecoloxistas acusan os seus antagonistas de levar o perigo ao monte coa súa nova práctica de non anunciar a súa presenza. Decenas de persoas saen ao monte os fins de semanas só a gozar da natureza e teñen dereito a saber onde se pegan tiros, din. 

Os argumentos legais e cinexéticos chocan cunha corrente pronatureza cada vez máis numerosa e xeralizada

ANTECEDENTES. O pasado fin de semana acabou bastante mal para o bando dos cartuchos no municipio pontevedrés de Moraña, onde só abatéronse sete animais, "tres deles femias", segundo explicaron fontes de Libera, a asociación máis activa de defensa deste depredador. Fontes da Federación Galega de Caza, celebraron que non se producisen incidencias graves, xa que o comportamento foi "de respecto" por ambas as partes, sempre mantendo as distancias e sen entremeterse na acción directa da caza, relatou. 

En Dodro tamén houbo batida. A situación foi mellor para os cazadores, que abateron un total de 21 pezas. Curiosamente, alí a presión dos animalistas e ecoloxistas apenas existiu, o que fai pensar que en Moraña o ruído si influíu no resultado. Segundo Libera, en Dodro limitáronse a ser meros observadores do discorrer da competición, tratando de detectar irregularidades ou accións ilegais, tanto na propia caza como no trato aos cans. E avanzaron que interporán diversas denuncias administrativas por incumprir a Lei de Caza de Galicia e a Lei de Urxencias, ao entender que se puxo en grave risco vital á cidadanía, precisamente por non anunciar a súa presenza. 

O DEBATE ¿Ten sentido celebrar hoxe en día este tipo de campionatos? Os cazadores ampáranse na súa legalidade e en que debido ao despoboamento da zona rural é necesario un control cinégetico ante o crecemento desta especie depredadora. Os raposos son transmisores de rabia ou sarna, que pode chegar á cabana gandeira, por iso as batidas acaban cun veterinario analizando as pezas para saber como era o seu estado de saúde. No entanto, dentro do propio colectivo hai algunhas voces discordantes que non ven ben que se premie a quen "mata en menos tempo". 

Onde uns ven control ambiental, que ademais conta co apoio da Xunta, outros ven o exterminio dunha especie. Os animalistas din que se abaten cada ano 12.000 raposos, o que non concorda cos datos da Xunta, que cifra en ao redor de 300 só nas batidas específicas. 

A veda estará aberta ata o 9 de febreiro e de aquí a esa data as friccións poden reaparecer en calquera momento, sen ir máis lonxe este sábado en Sarria.

Os argumentos 
Ecoloxistas: 
► Non hai argumentos científicos ou de control poboacional para xustificar a caza de raposo. 
► En tempada de caza o 99% da poboación galega non pode gozar con seguridade do monte. 
► Ven escandaloso que a Xunta patrocine esta actividade e que subvencione os cazadores. 
► Cada ano caen na natureza 6.000 toneladas de metal pesado (chumbo) como consecuencia da caza. 

Cazadores: 
► É unha actividade legal e regulada. Nas batidas de raposo hai máis restricións que calquera outro día de caza. 
► O abandono do rural fai que poboacións dalgúns animais se disparasen, como o caso do raposo, polo que é necesario un control. 
► Os raposos causaron entre 2010 e 2017 uns 500 accidentes de circulación.

Comentarios