Os casos de covid seguen á alza en máis da metade dos concellos de Lugo

A presión hospitalaria nos centros da provincia increméntase con nove ingresados máis, ata un total de 73, dous deles na Uci
Mapa de casos activos en la provincia de Lugo fuera.EP
photo_camera Mapa de casos activos en la provincia de Lugo fuera.EP

Os casos de covid seguen á alza en máis da metade dos concellos da provincia de Lugo, 39, seguindo a mesma tónica da semana pasada, na que se subían en idéntico número de municipios. Segundo os últimos datos facilitados polo Sergas, na provincia hai 1.899 casos activos fronte aos 1.659 de fai 7 días.

O aumento de contagios vén acompañado dun incremento da presión hospitalaria, cun total de 73 ingresados, 9 máis que o día anterior e 24 máis que a semana pasada. Entón non había ningunha persoa con covid na Uci e agora hai dúas. O Hula é o centro que ten máis ingresados, 50 , seguido do hospital da Mariña, con 11; o Monforte, con 9, e o Polusa, con 1.

Mapa de casos activos na provincia de Lugo.EP
Mapa de casos activos na provincia de Lugo.EP

O Sergas, ademais, notificou unha nova morte na provincia de Lugo. Trátase dun home de 72 anos cuxo deceso tivo lugar o día 16. é a vítima 339 desde que comezou a pandemia, aínda que Sanidade só contabiliza 329 ao non incluír algúns rexistrados noutras provincias.

Volvendo á situación nos concellos lucenses, destaca a subida de casos rexistrada en Monforte de Lemos, que pasou de 66 a 118, ou a de Lugo, que ten agora 503 fronte aos 410 da semana pasada. En Ribadeo hai rexistrados agora 72 positivos fronte aos 55 de hai sete días e Sarria subiu de 61 a 84.

Tamén son rechamantes os casos de municipios pequenos como Baleira, que pasou de 4 a 12; Castroverde, de 17 a 30, ou Guitiriz, de 17 a 26.

Noutros vinte concellos lucenses, o número de contagios reduciuse. Destacan Xove, que pasou de 50 a 19, e Monterroso, de 34 a 17. Oito municipios teñen os mesmos positivos que os rexistrados hai sete días.

En Galicia, tras o lixeiro descenso de casos activos no inicio desta semana tras o período vacacional, os datos facilitados onte xa recollen un lixeiro ascenso ata os 12.972, que supoñen 97 máis, ao haber máis contagios (1.427) que altas (1.318). O martes 12 de abril había 11.672 infeccións activas.

As vítimas da pandemia por covid-19 en Galicia ascenden a 3.300 logo de notificar a Consellería de Sanidade este martes outros 11 falecementos rexistrados en varios días, todos de pacientes con patoloxías previas, entre eles unha muller de 48 anos e o lucense de 72 anos.

A incidencia acumulada a 14 días na comunidade de Galicia en maiores de 60 anos sitúase en 837,79 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media nacional redúcese a 435,42.

Casos activos en Lugo, concello a concello.EP
Casos activos en Lugo, concello a concello.EP

Comentarios