A carne certificada de Porco Celta pecha 2020 cun 20% de incremento

Asoporcel rexistrou unha produción de 191.000 quilogramos, case 37.000 máis que en 2019
Reses de porco celta da cooperativa Tres Fuciños. EP
photo_camera Reses de porco celta. AEP

A Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) considera "moi positivos" os resultados obtidos en 2020, no que o volume de produción cárnica con este selo de calidade rexistrou un incremento de case 37.000 quilogramos con relación ao exercicio anterior, o que se traduce nun crecemento porcentual do 20%.

Estas cifras supoñen, segundo os portavoces deste colectivo, "unha mellora sobresaínte". Estas mesmas fontes recoñecen que se nos últimos catro anos, "dende a concesión do logotipo 100% Raza Autóctona Porco Celta, vimos rexistrando unha melloría no volume de produción e sacrificio, desta volta o incremento foi particularmente notable".

O volume de produción do pasado ano foi dun total de 191.066,15 quilogramos, o que supón un aumento de case o 20% con relación aos 154.205,50 quilogramos certificados en 2019. Estas cantidades, segundo subliñan desde Asoporcel, son especialmente boas "para unha raza autóctona en perigo de extinción".

Os datos mensuais de produción mantivéronse durante todo o ano sempre por encima dos 13.000 quilogramos, cun incremento especialmente destacable no mes de agosto que, aínda que é no que tradicionalmente se producen menos vendas, no do pasado ano chegáronse a superar os 19.000 quilogramos, o que supón un 33% máis que no mesmo mes de 2019.

Moitos destes produtores incluso os de volume máis pequeno, xa han comezando a comercializar os seus produtos vía online

Estes resultados tan positivos teñen aínda unha maior relevancia se se ten en conta o contexto de crise económico-sanitaria no que se produciu. Para os responsables deste colectivo, estas cifras tan prometedoras só foron posibles "grazas ao traballo diario de todos os gandeiros e gandeiras que integran Asoporcel e que están conseguindo que esta raza vaia, pouco a pouco, recuperando a súa presenza móntesnos galegos e tamén nas mesas dos consumidores".

VENDAS ONLINE. Outra das razóns que explican estes positivos datos é a axilidade dos criadores integrados neste colectivo para adaptarse ás novas posibilidades de comercialización que ofrece o mercado, sobre todo, nun contexto tan particular como o que se está vivindo por mor da crise sanitaria. Neste sentido, moitos destes produtores, incluso os de volume máis pequeno, xa han comezando a comercializar os seus produtos vía online, á vez que se adheriron a outras iniciativas como Mercaproximidade, que nos últimos meses permitiu que "os nosos operadores puidesen incorporar os seus produtos en máis superficies comerciais, tendo así máis visibilidade e chegando a máis consumidores".

Pero ademais desa maior presenza no mercado e do crecemento que este produto experimentou nas súas vendas ao longo dos últimos exercicios, desde Asoporcel destacan, tamén, as boas perspectivas de futuro. Neste sentido, desde este colectivo chaman a atención sobre a mocidade de moitos dos seus produtores. "Nos últimos 18 meses incorporáronse a esta actividade unha vintena de novos gandeiros menores de 40 anos que amosan moito interese nesta raza que, non ou esquezamos, axuda a recuperar grandes zonas abonadas, ao tempo que contribúe enormemente ao repoboamento rural", subliñan.

Comentarios