Candia opta a unha consellería logo do seu gran resultado na provincia

A cabeza de lista do Partido Popular sae reforzada ao ser Lugo onde se outorgou un maior apoio a Alberto Núñez Feijóo
La noche electoral del PP de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera A noite electoral do PP de Lugo. SEBAS SENANDE

"É un triunfo histórico", subliñou unha exultante Elena Candia. A cabeza de lista do PP por Lugo, que se perfila para ocupar unha consellería, resaltou que "fomos a provincia galega que deu un maior apoio electoral ao PP e ao proxecto que lidera Alberto Núñez Feijóo". O Partido Popular conseguiu en Lugo un 54% dos sufraxios emitidos"cun crecemento sostido, desde 2009, nas últimas catro convocatorias coas urnas nunhas eleccións autonómicas", recalcou Candia.

O gran resultado permítelle ao Partido Popular lograr nove deputados por esta circunscrición electoral, unha marca que só logrou outras tres veces -en 1993, 1997 e en 2012-, pero entón elixíanse quince deputados e nas dúas últimas ocasións o PP estaba á fronte do Goberno central.

A vitoria en 64 dos 67 concellos da provincia, "incluídos os 33 onde non goberna o PP", reforzan a emerxente figura de Elena Candia, que se perfila como candidata a ocupar unha consellería, do mesmo xeito que o actual titular de Economía, Francisco Conde. Se se produce esta circunstancia entrarían no Parlamento a chantadesa Susana López Abella e a monfortina Katherinie Varela Fernández, décima e undécima da candidatura. Se López Abella continuase á fronte da secretaria xeral de Igualdade, ou ben ocupase outro alto cargo, facilitaría a entrada como deputado de José Luís Regueiro, portavoz municipal na Fonsagrada.

Candia precisou que este resultado "é máis merecedor de ser posto en valor, pola subida da participación ata un 60%", logo dunha semana moi difícil, con ataques "inxustificados" por parte de partidos da oposición por mor de que a Xunta decretase a alarma sanitaria para controlar o brote da Covid-19 na Mariña. "Agardo que ese empeño en atacar o proxecto popular se traduza agora en apoio e colaboración por Galicia".

Candia recalcou que os galegos lle outorgaron a Feijóo "un gran respaldo para afrontar a importante tarefa de reactivación económica tras a crise provocada pola pandemia". Candia agradeceu este inmenso "caudal de confianza" e comprometeuse a seguir "traballando na busca de solucións".

Comentarios