Darío Campos, emocionado: "Igual que entrei, marchareime coa mesma humildade"

O aínda presidente en funcións da Deputación asegura que as formas é "o que menos" lle gustou do proceso e asegura que acatará o que decida Ferraz

Darío Campos, en un pleno. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Darío Campos, nun pleno. VITORIA RODRÍGUEZ

O aínda presidente en funcións da Deputación de Lugo, Darío Campos, quen asegurou a El Progreso que non vai facer un 'martinazo', recoñeceu este xoves que puido haber "máis sintonía" entre a dirección provincial do PSdeG e a executiva galega, pero se non a houbo non foi por falta "de diálogo", senón "de entendemento", polo que se finalmente ten que deixar o cargo, farao "coa mesma humildade" coa que entrou.

Visiblemente emocionado, á espera de que a Comisión Federal de Listas anuncie nas próximas horas quen será o candidato á presidencia da Deputación -previsiblemente o alcalde de Monforte, José Tomé-, Campos dixo que "hai que retirarse cando as cousas están así". "Espero que decidan. O máis importante é saír desta incerteza e tomar as decisións de futuro que cada un teña que tomar", dixo Campos.

"As formas foron o que menos me gustaron"

Unha vez tomada esa decisión por parte da Comisión Federal de Listas, o presidente en funcións da Deputación dixo que haberá que "respectala". "As formas foi o que menos me gustou deste proceso. Creo que se se falase cara a cara, non habería este problema", lamentou Campos, quen tamén aclarou a súa intención de seguir "intentando ser deputado pola Mariña", porque houbo "consenso" entre os concelleiros da comarca para que estivesen na Deputación el mesmo e a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

"Sigo aí e aceptarei o que veña, porque sempre dixen que non ía ser nunca un problema para o partido", aclarou

SANTOS. En canto á renuncia de Álvaro Santos dixo que "dimitiu" porque entendeu que "se el era o problema" para lograr o entendemento no PSdeG de Lugo prefería "retirarse". "Parece que iso non era así. Hai que esperar á decisión que se tome en Madrid e aceptala", precisou.

En canto á situación de Álvaro Santos como secretario xeral do PSdeG na provincia de Lugo, dixo que sempre tivo "o seu apoio" e que el nunca lle pediu que dimitise, porque fixo "un bo traballo".

"Os resultados están aí. Historicamente é o mellor resultado en alcaldías e concelleiras que tivemos nunca. O traballo que se fixo na Deputación Provincial durante estes últimos catro anos tamén está aí", engadiu. "Non sei se ao fina se corresponde coa situación que está a pasar, pero bo, as decisións están tomadas ou se van a tomar e hai que respectalas", resolveu.

"Vós sodes xornalistas e debedes investigar quen provocou esta situación"

En canto a quen debe asumir a dirección do partido en Lugo e se debe coincidir o secretario xeral co presidente da Deputación, dixo que a el se lle propuxo no seu momento compaxinar ambos os cargos, pero non o fixo, aínda que "a partir de agora dependerá da persoa que sexa presidente".

Ao seu xuízo, ser presidente da institución provincial "dá bastante traballo como para ter máis cargos", pero "cada un é cada un".

"Isto pode influír nas autonómicas"
En canto ás consecuencias que pode ter esta situación para a próxima convocatoria electoral, as eleccións autonómicas de 2020, dixo que "pode influír", pero tamén dixo que non foi el quen a provocou.

"Vós sodes xornalistas e debedes investigar quen provocou esta situación. Non son capaz de dicir quen foi agora mesmo, pero isto non era necesario", insistiu, porque "ao final estas cousas poden pasar factura".

En canto ao divorcio que explicitou Álvaro Santos con respecto á dirección galega, Campos opina que non foi por falta "de diálogo", senón por falta "de entendemento". "Puidemos ter máis sintonía, pero ao final non a tivemos. Non sei por que. Se cadra estorbabamos e nada, hai que retirarse cando as cousas están así", engadiu. "Igual que entrei, márchome coa mesma humildade, se teño que marcharme", resolveu. 

Comentarios