Darío Campos denuncia "conchabeo" entre o PP e Manuel Martínez

O presidente da Deputación de Lugo acúsaos de converter os plenos nun "circo", á vez que culpa ao deputado non adscrito de buscar "protagonismo"

Darío Campos, en un pleno de la Diputación. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Darío Campos, nun pleno da Deputación. VITORIA RODRÍGUEZ

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, non ten dúbidas de que o Partido Popular –grupo maioritario con doce deputados– e Manuel Martínez teñen un "conchabeo", que se traduce en converter os plenos "nun circo". 

É por esta "estraña" alianza que Campos denuncia que os populares e o agora deputado non adscrito tratan de converter os plenos provinciais, tamén, nun "espectáculo". 

E é que no último pleno, tanto o PP como Manuel Martínez votaban conxuntamente para devolver competencias que tiña a xunta de goberno socialista –en minoría con dez deputados– ao pleno, onde populares e Martínez contan con maioría –doce máis o non adscrito, o BNG saíase do goberno e ten dous deputados, para o total de 25 con que conta a cámara provincial–. 

"Nese aspecto é manifesto ese conchabeo que hai entre o Partido Popular e o deputado non adscrito", subliñou. Contrapón a iso o traballo que realiza o goberno provincial e reiterou este xoves que a deputación é "o motor económico e social da provincia". 

"Somos os que máis obra pública licitamos, os que máis investimos en deporte, máis emprego xeramos e iso está demostrado. A nivel de xestión é impepinable que somos a administración que máis presenza ten na provincia", presumiu.

OS PLENOS, UN "CIRCO". No entanto, Campos recoñece que os plenos se converteron "nun circo, un espectáculo e o que pido é que cada un teña dignidade política, porque estamos aquí para representar aos veciños e para mellorar as súas condicións de vida e é para o que eu estou aquí", asume. 

Campos, ao ser interpelado sobre se detrás dese circo está Martínez e o PP, respondía cun lacónico "branco e en botella", para despois censurar, seguidamente, que o tamén alcalde de Becerreá "o que busca é protagonismo no pleno". "E é ao que esta xogando, a ser protagonista", reprochou. 

 

A resposta do PP: "O único conchabeo é o de Campos pactando acordos ocultos que saen caros á provincia" 
O Grupo Provincial do PP de Lugo respondeu este xoves a Darío Campos que "o único conchabeo" que existe é o del "pactando acordos ocultos" que "lle están saíndo moi caros aos lucenses". 

Os populares lembran nun comunicado que hai pouco o deputado non adscrito revelou "que lle ofreceron 90.000 euros pola Presidencia de Suplusa, un pacto na sombra que agora os socialistas negan". 

"A este conchabeo de intereses entre os socialistas súmanse moitos outros pactos ocultos que acabaron por situalos nun goberno débil, en minoría e incapaz de traballar por esta provincia", esgrimen.

O PP censura que o goberno provincial viva "enfrascado nas loitas de poder do PSOE, na repartición de postos e na confrontación máis desleal, cando desde o PP o que se ofrece sempre é diálogo, consenso e colaboración".
 

Comentarios