Lunes. 17.12.2018 |
El tiempo
Lunes. 17.12.2018
El tiempo

Os cabalos inundan Friol e Palas

Xinete co seu exemplar equino en Friol. SEBAS SENANDE
Xinete co seu exemplar equino en Friol. SEBAS SENANDE

As feiras ecuestres congregaron a centenares de persoas nas dúas localidades. A xincana friolesa foi moi vistosa e en Vilar de Donas a carreira de burros divertiu aos asistentes

Os cabalos volveron ser os protagonistas esta fin de semana en Friol e na parroquia palense de Vilar de Donas. Un ano máis, as feiras ecuestres de ambas as localidades foron todo un éxito e centos de persoas acudiron a gozar de carreiras equinas, impresionantes espectáculos e exhibicións para todos os públicos.

En Friol os amantes do mundo cabalar citáronse no mercado gandeiro. A décimo terceira edición da Feira do Cabalo arrincou ás 10.30 horas cun programa variado, que tivo como actividade estrela o espectáculo A Maxia do Cabalo. Unha exhibición con todo tipo de exercicios cos cabalos que deixou totalmente impresionado ao público.

Os concursos morfológicos ecuestres contaron coa participación dun centenar de xinetes. Na categoría de exemplares de pura raza impuxéronse o cabalo Jalisco e a egua Tamaga, ambos de Marcelino Freire, de Oza-Cesuras. En canto aos exemplares cruzados, os vencedores foron o cabalo Maquelele, de Nicolás Arnosa (Vilarmaior), e a egua Alba, da gandería monterrosina Dos Hermanos.

O punto álxido da xornada viviuse durante a celebración da xincana popular na que unha vintena de afeccionados demostraron as súas habilidades a lombos dos seus cabalos. O gañador desta competición foi Óscar Galero.

VILAR DE DONAS. A vixésimo sétima Feira do Cabalo Comarca da Ulloa superou todas as expectativas cun completo programa con probas de andaina, un concurso de beleza equina ou competicións de velocidade. A popular carreira de burros contou tamén con gran expectación.

carreira de cabalos en Vilar de DoasO evento repartiu uns 1.800 euros entre todos os certames, que contaron cunha participación de 250 xinetes. Os vencedores da modalidade de velocidade foron Adrián Mariño, co seu cabalo Sae Alem, e Adrián Arias, con Rayo de Luna. Kacique, de Iván Ríos, fíxose co premio de beleza. Doutra banda, nas categorías de andaina impuxéronse Bruno Lomba , Javier Gómez e Roberto Lage. Na carreira de burros o vencedor foi Andrés Pérez, con Melendi. á súa vez tamén se premiou a Dylan Lafuente, de dez anos, e a Javier Gómez, de 60, por ser o xinete máis novo e o máis veterano, respectivamente.

Os cabalos inundan Friol e Palas
Comentarios