Os apicultores esixen máis medios para afastar os osos das colmeas

O plan de protección só contempla repartir un pastor eléctrico por produtor, o que non chega dada a dispersión dos colmenares

Colmenar en Soldón da Seara (O Courel= que sufrió un ataque de oso en 2016. EP
photo_camera Colmenar en Soldón da Seara (O Courel) que sufriu un ataque de oso en 2016. EP

Os apicultores do Courel quéixanse da falta de medidas para afastar aos osos dos colmenares. Aseguran que os ataques se seguen producindo e que, polo momento, do proxecto Life Oso Courel só recibiron un pastor eléctrico. Consideran que os medios son insuficientes e non se corresponden coas promesas deste proxecto que persegue facilitar a convivencia entre os veciños e os osos e que o plantígrado poida ser un recurso máis para a montaña.

O pasado 17 de maio un total de 43 apicultores, gandeiros, cazadores e veciños da montaña do Courel visitaban o parque natural de Somiedo co obxectivo de eliminar os seus temores de face á implantación do oso na montaña lucense. A iniciativa estaba impulsada polo proxecto Life Oso Courel no que colaboran a Xunta de Galicia, os concellos e a Fundación Ouso Pardo.

Mes e medio logo daquela experiencia os apicultores explican que os sistemas de protección de colmenares que viron en Somiedo distan moito dos pastores eléctricos que lles están dando en Galicia.

En concreto, os afectados quéixanse de que só reciben un pastor por apicultor e cable, que non teñen estacas e que un pastor só non lles chega a nada cando a maioría teñen as súas colmenares dispersos por distintos puntos da montaña.

A Xunta asegura que esta semana quedarán repartidos 50 aparellos e daranse máis ao longo do mes próximo

Por exemplo, dentro da cooperativa Cauru intégranse oito apicultores que teñen unhas 2.500 colmeas repartidas polo Courel e Quiroga. Só tres dos socios teñen por agora pastores e tocaron a un por cabeza.

A Xunta de Galicia, que forma parte do proxecto, recoñecía onte que efectivamente estes días está a procederse á entrega dos primeiros pastores. Ao final desta semana repartíronse 50 e nesta primeira rolda cada apicultor pode facerse cun pastor e 250 metros de cable. Só hai un par de casos nos que se lles deron dous aparellos polos ataques recorrentes.

SEGUNDA ROLDA. Con todo, desde a administración autonómica pídenlles calma aos produtores xa que para o próximo mes farase unha nova repartición.

Os apicultores apuntan que hai que facer a distribución canto antes porque é agora cando nos colmenares empeza a haber unha boa cantidade de mel e resultan atractivos para os plantígrados. Explican que se non se afasta aos animais, nos próximos días poderían aumentar os ataques.

Comentarios