Ao volante polo mundo adiante

O oficio de camioneiro  valórase máis cando falta e non vai tardar. Non hai relevo. Din que a vida sobre rodas é dura e non a queren para os fillos.
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Camións circulando por unha autopista. Europa Press (AEP)

Os camións son eses vehículos que van pola estrada e que molestan cando conducimos un coche con présa e non podemos adiantar. Sempre aparece algún e non é casualidade. Realmente, sempre están aí, pero non se repara na súa importancia ata que paran. Entón si, axiña se oen protestas porque nos supermercados non hai todo o que queremos, porque non dá chegado iso que compramos por internet, porque as fábricas paran por falta de material ou porque ninguén vén recoller o leite das vacas e hai que tiralo.

Os agricultores franceses están cortando as estradas do seu país para reivindicar melloras e moitos camioneiros galegos quedaron atrapados. A algúns baleiráronlles a carga, a outros estropeóuselles e os que lograron rematar a viaxe chegaron tarde. En Portugal pode acontecer o mesmo nos vindeiros días.

Ao volante deses camións van homes e mulleres que teñen que afrontar un conflito que non causaron, un chanzo máis nunha vida que nin é doada nin apta para calquera.

Terceira xeración

Diego Arias. XESÚS PONTE
Diego Arias. XESÚS PONTE

"Son fillo e neto de camioneiros, vivín o oficio desde neno e sempre me gustou. Metinme nel sabendo como era, pero teño dous fillos en non me gustaría que se dedicaran a isto". Así resume Diego Arias o seu parecer sobre a profesión de camioneiro.

Leva toda a vida laboral sobre rodas, é presidente de Aetram Lugo e di que é camioneiro por vocación, pero recoñece que "a profesión tenche que gustar porque non é fácil".

É autónomo e traballa para unha empresa láctea. Reparte leite envasado por toda España e regresa a Lugo con cargas diversas, para amortizar a volta. "Moitas veces contratas o regreso con axencias de paquetería, que moven moito das compras por internet. Iso obriga a esperar a que pechen as vendas do día".

Diego Arias atende o teléfono mentres está conducindo. Volve de Sevilla. Marchou hai dous días e sabe que en canto chegue a Lugo cargará de novo. "Tal vez esta tarde ou, a máis tardar, mañá pola mañá, marcharei, pero aínda non sei a onde", comenta.

Fai dúas viaxes por semana a calquera punto de España. Na fin de semana "temos que parar 45 horas". Pero nin ese tempo é sempre seu. "O aparato marca o descanso do camión, non o meu. Se chego a Sevilla e teño que esperar pola seguinte carga, esas horas contan como de descanso, pero non o son porque eu estou alí ao pé do camión ata que está todo listo para saír", explica.

Cando un camión anda nove horas a normativa obriga a parar outras nove. Diego Arias leva unha cama na cabina para descansar. "Fago noite no camión. Procuro parar en áreas de servizo vixiadas ou no sitio máis seguro posible porque hai moito perigo de roubo", comenta.

Diego Arias é fillo e neto de camioneiros, pero non quere que a saga continúe

Só lle roubaron nunha ocasión. "Viaxaba cun compañeiro e mentres paramos a comer en Sevilla romperon a ventá da cabina e levaron todo o que había dentro. Quedamos co posto", lembra. Foi a plena luz do día, pero o que máis temen os camioneiros é a noite. "Lévanche o combustible, a mercancía... hai casos de desaparecer o camión enteiro. Iso pasa moito cando levas electrodomésticos, tabaco ou bebidas alcohólicas. Eu intento escapar desas cargas porque hai que ter moito coidado", explica.

Diego Arias é presidente de Aetram Lugo e forma parte dunha cooperativa de camioneiros. "Intentamos mellorar a seguridade, por exemplo, dotar os camións de xeolocalizadores. Todo axuda, aínda que os que van roubar tamén se preparan", apunta.

Este transportista lembra cando os camións se amoreaban nos estacionamentos dos restaurantes e daban a entender ao resto de condutores que alí se comía ben. "Deses sitios cada vez quedan menos, tanto porque van pechando como porque comer fóra para nós tamén é un luxo. Moitos camioneiros levan comida, por aforrar e porque ás veces hai que comer ás catro ou cinco da tarde e non atopas onde", comenta.

Diego Arias percorre entre 12.000 e 14.000 quilómetros ao mes. Di que non son moitos porque non sae de España e apunta que nas rutas internacionais fanse moitos máis. Sempre ten a maleta feita e sempre lle fai falta. "Eu saio da casa e vou cargar o camión sen saber para onde teño que ir nin cando vou volver", por iso non hai dúbida de que "a profesión ten que gustar".

Das obras ás cercanías

José Manuel Vélez.
José Manuel Vélez.

Nesta idea tamén coincide José Manuel Vélez. El tamén sabía onde se metía cando subiu ao camión. "Empecei con 22 anos, pero xa de neno me gustaba. O meu pai traballaba con camións e sempre me chamaron a atención". Pero despois de moitos anos sobre rodas a perspectiva cambiou. "O oficio está infravalorado, entendo que a xente non o queira. Eu tampouco o quero para os meus fillos", afirma.

José Manuel Vélez é de Vilalba e nestes momentos viaxa principalmente por Galicia e Portugal, aínda que tamén fai algunha ruta a outros puntos de España. Empezou transportando madeira, pero ao pouco soubo que facían falta camións en Madrid para a construción. "E marchei cinco anos para Madrid, para as obras de Barajas, da M-50... estaba aló de luns a venres e na fin de semana viña para a casa. Primeiro durmía nun hostal e despois alugaba un piso con outros compañeiros para pasar a noite", explica.

A construción levouno tamén a Zaragoza para as obras da Expo e por España adiante para o Ave. "Tamén fixen ruta con madeira desde Galicia a San Sebastián e Zaragoza", lembra.

"Aos 20 anos dábame o mesmo, pero agora agradezo poder durmir na casa. Cando naceu a miña primeira filla empecei a buscar o xeito de quedar máis cerca", comenta. Agora traballa con áridos e cunha góndola de maquinaria pesada. "Tamén procuro diversificar o negocio e teño tractor e maquinaria de desbroce. Hai que pensar nos nenos e buscar estabilidade", argumenta.

José Manuel Vélez reflexiona sobre o negocio do transporte e afirma que "supón moito sacrificio, pero non sempre depende de ti que vaia ben, inflúen moitas circunstancias externas, que te contraten, que o sector para o que traballas vaia ben... por iso para min suporía unha intranquilidade ter un fillo que lle gustase isto", di.

José Manuel Vélez traballou por toda España, pero desde que é pai busca viaxes cerca

Lembra que no 2016 tivo un accidente co camión. "O golpe non foi culpa miña, pero tardei tres anos en cobrar o que me correspondía polo camión. Se hai unha avaría quedas sen traballo. Levas o teu capital sobre rodas", sentenza.

Comenta que nunca se viu en situacións perigosas, pero tamén di que "co paso dos anos deixas de pensar no perigo que pode haber. Se te paras niso non fas nada". Conta que varias veces lle roubaron o combustible mentres durmía dentro do camión. "Cando espertas pola mañá e queres acender o camión ves que está sen gasóleo", lembra, pero sen darlle demasiada importancia, como quen fala do día a día.

Na súa cabeza hai outras preocupacións porque, como autónomo que é, ten que preocuparse da loxística de cada viaxe. "Hai que facer un control exhaustivo do gasto. Gasóleo, rodas, aceite... Unha volta baleira tradúcese en gasto a fin de mes e por iso cada vez que fago unha viaxe teño que buscar carga de regreso. Cos anos vas tendo clientes e xa sabes por onde tirar", explica.

José Manuel Vélez bota en falta un recoñecemento a un sector fundamental para que a economía funcione. "Está moi pouco valorado e cando falta nótase moito. Aínda así, na última folga daba impotencia ver o pouco apoio que tiñamos", lamenta.

Un empresario do transporte

Tamén pensa así Manuel Lozano, outro transportista de Vilalba que cre que "vai haber un grave problema por falta de camioneiros a curto prazo".

Traballou, como moitos outros da Terra Chá, como transportista de carbón para a central térmica das Pontes e cando esa actividade cesou tivo que reconducir o negocio cara outros destinos. "Eu mantívenme no transporte, pero outros compañeiros recicláronse como puideron para non botarse á estrada".

Manuel Lozano entende a decisión porque "non hai calidade de vida, nin horario nin data no calendario". Ademais, considera que non é un oficio ben pagado. "Conduzo nove horas, chego a Zaragoza e teño que botar outras nove ao pé do camión ata poder seguir. Non estou descansando na miña casa. Iso é sacrificado e non se paga", afirma.

Nestes momentos ten cinco camións e catro condutores contratados. El ocúpase da loxística das viaxes. A carga de ida é madeira e a de volta xestiónaa no destino. "Facemos ruta nacional e algunha viaxe a Francia", concreta.

Manuel Lozano non atopa choferes para os seus camións ve con pesimismo o futuro

Conta con pena que vendeu un camión hai pouco. "Tiven que desfacerme del por falta de condutor. Axiña se irá outro dos que teño contratados e quedo con tres. Non podo deixar o camión parado. Se a empresa non medra non é por falta de traballo, senón de man de obra", pero entende que non é un sector atractivo. "Cada semana xubílase un camioneiro e non hai relevo. Eu teño 57 anos e se podo evitalo non saio de ruta. Xa tiña que ser obrigatorio xubilarse aos 60, por perigosidade, pero non é así. Xubilan os dos bancos, que están nunha oficina, pero nós seguimos na estrada, a medio durmir e con 40 toneladas no lombo".

Lembra que cando empezou no transporte a consideración do sector era outra. "Empecei na construción aos 16 anos. Saquei o carné de camión na mili e enganchei de chofer. Para min iso foi unha bicoca porque me permitía deixar a obra. Daquela gañábase diñeiro e no 94 puiden comprar o meu primeiro camión", lembra.

Eran outros tempos. "Agora se gañas 2.000 euros podes dicir que tes un soldo digno, pero debería ser o dobre porque a dedicación hai que pagala. Ademais, os camioneiros non cobran dietas e comen e dormen fóra todos os días. Non che estrañe que a xente durma no camión e pase cunha froita sen cear", comenta.

"Gústame o transporte, pero este negocio tiña que ser atractivo tamén polo diñeiro e non o é". Comenta que os seus fillos non teñen nin carné de camión. "Eu non lles prohibín, pero viron o que había e non se achegan ao camión. Aos rapaces gústalles saír de traballar e poder ir ao ximnasio, xogar un partido de fútbol ou tomar un viño. No camión non hai nin vida nin afeccións e é un sacrificio que ninguén che paga", resume.

Nin sabe os quilómetros que leva no corpo, pero di que non tivo percances graves. "Cortáronme as lonas unha vez para roubar, pero non levaron nada porque non tiña carga de valor", comenta. Está tan afeito á estrada que ata relativiza os inconvenientes da vida sobre rodas. "Hoxe os camións teñen as comodidades dun hotel. Calefacción para a noite, aire acondicionado, só lles falta o baño. Ademais, nós estamos habituados a durmir onde sexa", di.

Tras toda unha vida ao volante, gustaríalle deixar o sector en boas condicións cando se retire, aínda que non é optimista sobre o futuro. "As fábricas son abusonas, queren pagar o menos posible polo transporte, e nós temos que loitar para que o noso traballo se valore como é debido", sentenza.

Comentarios