'Os Ancares en Outono' reúne poesía e fotografías de autoras da comarca

O libro, coordinado por Toño Núñez para Irmandade Naviega, recibiu apoio da Deputación
Toño Núñez, promotor da edición da man de Irmandade Naviega, e José Tomé.   VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Toño Núñez, promotor da edición da man de Irmandade Naviega, e José Tomé. VICTORIA RODRÍGUEZ

"Os nomes das casas/ soterran baixo pedra húmida/ a vontade de sermos/ [casa do ferreiro/casa do xastre/ casa do crego]/ viñemos ocupar o espazo/ delimitado polo cable do pastor/ ... e ti por que levas as pernas/ rabuñadas polas silvas?". Emocionou onte Toño Núñez, presidente da Asociación Veciñal Irmandade Naviega, lendo este poema da súa veciña Beatriz Dourado na presentación do libro Os Ancares en Outono, que tivo lugar no salón do pazo de San Marcos, onde estivo acompañado polo presidente da Deputación, José Tomé, que tivo a ben escribir un dos tres prólogos.

O texto da naviega é un dos 50 que compoñen o libro, e que dialogan nel con 64 fotografías. Os autores e autoras de textos e imaxes teñen en común as súas raíces na comarca ou a súa estreita relación con algún dos municipios que compoñen a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, entidade dependente da Deputación da que forman parte os concellos de Becerreá, Navia de Suarna e Cervantes. O libro, que pensaba ser máis amplio, cos concellos de Pedrafita e As Nogais, tivo que acoutarse aos da reserva para desfrutar das subvencións asociadas a este organismo e xestionadas pola entidade provincial.

Tanto Tomé coma Núñez tiveron palabras de solidariedade coa súa serra veciña, O Courel, pola dramática situación que está a pasar. Neste contexto, Tomé indicou que será necesario reflexionar sobre os medios dispoñibles, pero tamén sobre os modelos de desenvolvemento rural. "A cultura ten que ser parte do futuro do rural, sen ela estamos baleiros", comentou.

No libro, preto de 20 poetas de distintas xeracións percorren o territorio coa palabra. Dende a Becerreá de Helena Villar Janeiro e o castelo de Navia de Constantino Bértolo, ata a voz máis nova de Lucía Rodríguez, as páxinas contan coa palabra de autoras coma Eva Méndez Doroxo, Xosé Manuel Vega, Xabier Moure, Toño Núñez, Afonso Becerra de Becerreá, Xesús Trashorras, Esther Díaz, Xosé Manuel Vega ou Ana Varela. No eido das imaxes, participaron Isabel Cadenas, Xoán Xegunde, Domuxo ou José Luís López, entre outros, e o libro inclúe unha foto da Ponte de Cruzul nos anos 40, da fotógrafa becerrense Maruja Roca. Un territorio mirado e cantado, para que a terra non perda alento.

Entre a imaxe e a palabra
"Había que salvar o río Cruzul afondando no val como unha serpe. A orografía suxeriu unha ponte de tres ollos altivos xoncidos por unha cella colosal de ancha calzada. E aquela ponte abriulle o paso á Historia cos seus milleiros de historias". Así comeza o texto de Helena Villar Janeiro, acompañado pola foto de Maruja Roca.

PRESENTACIÓNS. O libro presentarase en breve en Becerreá, Navia e Cervantes

Comentarios