Amigos do Patrimonio denuncia o abandono de varias igrexas e regachos

Pon o foco no vello templo castroverdés de Cellán, descoidado desde fai máis de 40 anos

Antigua iglesia de Cellán de Mosteiro, rodeada de maleza. J. VÁZQUEZ
photo_camera Antiga igrexa de Cellán de Mosteiro, rodeada de maleza. J. VÁZQUEZ

Amigos do Patrimonio de Castroverde denuncia o abandono de varias igrexas, capelas e outros monumentos do municipio. Reclama, ademais, que se preste atención á limpeza dalgúns regachos da zona.

Manuel Muñiz, presidente da asociación, lamenta a deterioración que sofren algúns "lugares emblemáticos do concello", como a antiga igrexa de Cellán de Mosteiro. De construción románica, aínda que reformada a principios do século XIX, este templo "leva abandonado desde que se fixo a nova igrexa, haberá agora 40 ou 50 anos". Vecinos da parroquia explican que "xa daquela ameazaba con caer e tampouco tiña espazo para o cemiterio".

Segundo relatan, son os propios veciños os que se ocupan de rozar e despexar as inmediacións da igrexa. "Antes había unha cancela de forxa na entrada, pero como ninguén preocupábase do asunto, debeu vir alguén e roubouna", sinala Muñiz. Engade que, ao non estar clara a titularidade destas edificacións, "non hai a quen reclamarlle nada directamente".

Ademais, nos arredores do antigo santuario, en pleno Roteiro do Val do Río Tórdea, hai outras construcións en risco de derrube: vivendas deshabitadas desde hai décadas, a outrora taberna da aldea ou un antigo pazo que "pertenceu a unha familia moi poderosa no seu tempo".

REGACHOS. Doutra banda, Amigos do Patrimonio tamén demanda maior interese nas tarefas de limpeza dos regachos que discorren polo municipio castroverdés. "Hai algún rego que xa case non se ve, moitos deles están tapados pola maleza", reprocha Manuel Muñiz. Asegura que, como consecuencia deste descoido, "están a empezar a secar algúns salgueiros e ameneiros, sobre todo na zona do río Chamoso".

Desde a asociación pretenden preservar as áreas naturais próximas ao Chamoso e ao río Tórdea, "as dúas vertentes sobre as que se vai conformando Castroverde". Manuel Muñiz defende que Amigos do Patrimonio trata de darlle visibilidade ao asunto porque "é unha mágoa que lestes lugares estean así e que ninguén mire por eles".

Actividades
Defensa doutros monumentos

 
Amigos do Patrimonio reclama tamén a restauración doutros tres puntos "de gran importancia" no municipio. Trátase do mosteiro de Montecubeiro, a Torre da Fortaleza, situada na vila, e o núcleo de Soutomerille, localizado no itinerario do Camiño Primitivo. A maiores, "hai 20 ou 30 capelas que tamén están desdeixadas de todo". Co obxectivo de visibilizar a desatención que sofren estes lugares, a asociación leva a cabo diversas actividades que pon en valor o patrimonio natural de Castroverde.

Ruta nocturna
Con ese fin, en xullo, o colectivo organizou unha ruta nocturna para reivindicar a Torre da Fortaleza e Soutomerille. O percorrido, no que participaron preto de 40 persoas, iniciouse ás dez e media da noite no centro urbano da localidade e transcorreu por un tramo do Camiño cara á histórica parroquia de Soutomerille, abandonada desde hai anos.

 

Comentarios