Rozas acolle o lanzamento dos satélites de alumnos de nove institutos, un do Saviñao

Realizaron co programa Cansat todas as fases dun proxecto espacial

Uno de los satélites. XUNTA
photo_camera Un dos satélites. XUNTA

Máis de medio centenar de estudantes de nove institutos galegos, entre eles o CPI Dr. López Suárez do Saviñao, participaron na fase galega do certame de proxectos espaciais Cansat, a competición promovida pola Axencia Espacial Europea que na súa posta en marcha en Galicia conta co apoio da Xunta. 

Os participantes realizaron todas as fases dun proxecto espacial real, desde a elección dos obxectivos da misión ata o deseño do Cansat, un proxecto de simulación real dun satélite do tamaño dunha lata de refrescos do que este mércores se fixeron os lanzamentos desde o aeródromo de Rozas

Un dos dronesA inauguración da xornada contou coa participación do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que agradeceu o esforzo de todos os participantes, desde alumnado ata profesorado, "por formar parte unha vez máis deste desafío no que Galicia demostra o interese e as posibilidades da formación en tecnoloxía para as novas xeracións". Ao tempo, animou os participantes a inspirar "a outros moitos compañeiros e centros educativos a aproximar a importancia da ciencia como valor educativo e cultural". 

Os alumnos participantes foron os equipos SaviSAT do CPI Dr. López Suárez do Saviñao; Space G e DPI do IES Pontepedriña de Santiago; MeteoSputnik e Starlinkpvtj do IES Eusebio da Garda, na Coruña; Le Sat, do IES A Xunqueira I de Pontevedra; PonteSat do IES Eduardo Pondal de Ponteceso; Planeta RDT do IES Rego de Trabe de Culleredo; BujanSAT do IES David Buján en Cambre; MontecasteloSAT do CPR As Acacias, en Vigo, e Ortisats do IES Ortigueira. 

O desafío para todos eles consistiu en introducir nun espazo reducido os principais subsistemas dun satélite real. Durante a xornada presentaron os seus proxectos e lanzaron desde un dron os Cansat deseñados (do inglés can, lata; e sat, satélite) ata unha altitude aproximada dun quilómetro. A partir de aí comezou a misión práctica: conseguir a execución dun experimento científico, logrando unha aterraxe sen danos e a análise de datos recompilados durante o descenso.

Todo o proceso de lanzamento foi gravado e documentado, e formará parte dun completo vídeo que se poderá visualizar o 2 de xuño, cando se coñecerá o proxecto elixido. Na fase estatal da iniciativa participarán equipos de toda España o próximo verán en Granada.

Comentarios