Domingo. 18.11.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.11.2018
El tiempo

A altica aparece nun ano de pouca seca no Saviñao

Algúns das árbores afectadas pola altica no Saviñao. TOÑO PARGA
Algúns das árbores afectadas pola altica no Saviñao. TOÑO PARGA

Varios carballos próximos á zona de Currelos están afectados

Non está a ser un ano de importante actividade da altica. Con todo, este insecto coleóptero fixo acto de presenza en varias zonas do Saviñao, a pesar de que a súa actuación adoita ser máis agresiva en tempadas de moita seca.

O ano pasado, a ausencia de choivas provocou que en Monforte, Pantón ou Sober a altica fose unha inquilina habitual dos carballos. Nestas localidades apenas se deixou ver no exercicio actual. "Actúa por ciclos explosivos. Un ano pode haber moita e ao seguinte, nada", considera o biólogo Guillermo Díaz Aira. Na súa opinión, a aparición de altica nunha zona tan concreta do Saviñao (entre o paso do río Sardiñeira e Currelos) pode deberse "ao ciclo biolóxico do propio insecto".

Para Antonio Rigueiro, especialista da Universidade de Santiago de Compostela (USC), unha das causas da acción da altica nun ano pouco propicio para ela podería acharse "nun microclima favorable". Segundo destaca o experto, o insecto "adáptase mellor a zonas cun clima máis mediterráneo. En Ourense hai bastantes ataques a pesar de que tivemos unha primavera chuviosa".

Para Rigueiro, o cambio climátrico pode xogar outro papel a ter en conta. "Esta e outras pragas están en proceso de adaptarse", comenta.

A altica é un insecto que afecta as follas das árbores. Non os mata, pero si os fai máis débiles. O seu crecemento mingua e as follas adquiren unha cor amarelada. No caso do Saviñao, o tostado dos carballos afectados pola altica contrasta co verde dalgúns dos seus veciños que non recibiron a praga.

PARA COMBATELO. En tempadas de risco alto ou de moita presenza de altica, a Xunta de Galicia promove campañas con insecticidas. Unha segunda vía, segundo os expertos consultados por este diario noutras ocasións, sería empregar un segundo organismo para atacar ao coleóptero, aínda que é unha alternativa moito máis complexa.

"As árbores afectadas adoitan recuperarse", avanza Antonio Rigueiro, quen afirma tamén que "é difícil tanto precisar como predicir a actividade da altica". O perigo da altica vén durante a hibernación, ao caer as follas das árbores. Se o inverno é cálido e seco, o insecto faise máis forte e a poboación aumenta.
 

A altica aparece nun ano de pouca seca no Saviñao
Comentarios