Agromuralla súmase á folga de entrega de leite ás industrias

"Esta é a medida máis dura que pode adoptar un gandeiro, pero á vez, é a única que pode reverter esta situación caótica na que está sumido o sector", aseguran
Tractorada en Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Tractorada en Lugo. SEBAS SENANDE

A asociación Agromuralla -integrada na Plataforma Gandeiros Lácteos Unidos-, que agrupa a produtores de leite das provincias de Lugo e A Coruña, informou de que "se as industrias lácteas non pagan como mínimo o custo de produción, estimado en máis de 0,41 euros por litro antes do día 15 de decembro", os gandeiros protagonizarán unha folga na entrega de leite ás industrias.

Será, a partir da data acordada con outras organizacións de produtores, "unha folga indefinida", ante "a grave situación que atravesa o sector lácteo neste país".

"Esta é a medida máis dura que pode adoptar un gandeiro, pero á vez, é a única que pode reverter esta situación caótica na que está sumido o sector. O leite é nosa e os únicos que se enriquecen con ela son os que nola compran", lamenta este colectivo, que non renuncia a outras accións de protesta que tamén se están xestando".

Avisa, así mesmo, de que "a folga será indefinida no tempo, non deixando circular polas estradas nin unha soa cisterna de leite".

"Non queremos prexudicar aos transportistas, porque nos consta que o están pasando tan mal como nós, pois as industrias téñenlles igual de asfixiados en prezos, pero non podemos deixar que se nova un só litro de leite neses días de folga", precisa.

Así mesmo, insta os gandeiros "a non asinar contratos que non cubran os custos de produción, posto que así o marca a Lei da Cadea Alimentaria".

Comentarios