Mario Outeiro: "Agradezo que sempre me deixaron publicar con absoluta liberdade"

Aínda que a súa relación con El Progreso a iniciou sendo neno "cando lía o xornal na mesa da cociña familiar", en 2012 comezou a publicar artigos de opinión nunha sección semanal propia. Agora recompila 500 deses artigos nun libro que presentará o sábado no Corgo
Mario Outeiro co seu libro. XESÚS PONTE
photo_camera Mario Outeiro co seu libro. XESÚS PONTE

Da Tribuna ao Outeiro é unha recompilación dos cincocentos artigos que o profesor Mario Outeiro leva escritos na súa sección semanal de opinión de El Progreso, dende o día de San Martiño (11 de novembro) de 2012 ata o 7 de outubro de 2022. Unha década na que a propia temática dos artigos reflicte tamén o percorrido vital do autor ao longo de todos eses anos. A obra presentarase este próximo sábado a partir das 20.00 horas no Punto de Atención á Lectura de O Corgo (Palco), e o mércores 14 á mesma hora en O Vello Cárcere.

Como xurdiu a idea de reunir todos estes artigos nunha soa obra?
A iniciativa veu a través da asociación cultural Arumes do Corgo, que, coincidindo coa efeméride dun número tan redondo como eran eses 500 artigos, propuxo recompilalos todos nun libro.

A temática local, sendo vostede natural do Corgo e sendo alí concelleiro ata hai dous anos, terá entón un gran peso.
Os artigos teñen unha temática moi variada e neles abordo aspectos nos que O Corgo é protagonista, pero no que é o ámbito xeográfico fíxome sobre todo en problemáticas a nivel galego e, en menor medida, aspectos de ámbito nacional e internacional.

É que dez anos de artigos semanais dan para moito e a nivel persoal tamén se producen cambios importantes.
Efectivamente. Cando empecei estas colaboracións con El Progreso eu era deputado provincial responsable da área de Cultura. Era, por tanto, moi activo en política e de feito a sección chamábase Tribuna política. En 2015, cando abandonei a Deputación e regresei á docencia sentinme con liberdade para ter unha maior variedade temática. Así, cando en xullo de 2021 me retirei tamén como portavoz do BNG na corporación do Concello do Corgo, o nome da sección cambio a Dende o Outeiro, que é como se segue denominando na actualidade.

Que temas adoita abordar agora?
Pois todo o que me preocupa. A miña gran vocación é a docencia e, por iso, o ensino ocupa moitos dos meus escritos, pero tamén a cultura, a lingua, o desenvolvemento rural, o medio ambiente...

Agora é director do IES Pedregal de Irimia, en Meira, e antes impartiu clases en Cervantes. Como ve o ensino no rural?
Os meus artigos con relación ao ensino adoitan ser críticos, sobre todo, polos recortes que se aplicaron durante a crise de 2010 e que, aínda agora non se recuperaron, e pola ausencia dunha lei propia de educación. Creo que o ensino segue estando de costas ao rural, cando o que fai falta e inculcar aos alumnos todas esas potencialidades que ofrece.

No libro soamente aparecen os artigos publicados na súa sección de opinión de El Progreso??
Ao final da obra aparecen outros tres artigos que, por diferentes motivos, se publicaron unicamente na edición dixital e tamén a transcrición do pregón que lin o pasado ano con motivo da celebración do I Mercado de Oficios do Corgo.

Como se estrutura toda esta variedade temática no libro?
Todos os artigos aparecen ordenados cronoloxicamente, aínda que ao final do libro aparece un índice temático e outro xeográfico, co fin de que o lector poida atopar máis facilmente aquel tema que máis lle interese.

Como naceu ese vínculo seu con El Progreso?
A miña relación con El Progreso vén desde moi neno. O meu avó era correspondente administrativo no Corgo, un labor que logo desempeñaría meu pai. Podo dicir que case aprendín a ler vendo o xornal na mesa da cociña familiar. Ese costume é algo que tamén lle quixen transmitir aos meus fillos e, de feito, a propia portada do libro representa a toda a miña familia —eu, a miña parella e os meus dous fillos— lendo o xornal.

Estou moi agradecido a Josefa González, Victoria Quiroga, Adra Pallón, Marica Campo e Blanca García Montenegro"

Quen deseñou esta portada?
A autora é Victoria Quiroga, que a fixo tomando como base unha fotografía de Adra Pallón, que tamén foi quen me realizou o retrato que aparece na contratapa. A ambos lles estou moi agradecido.

Nese capítulo de agradecementos, hai máis persoas?
Quero facer unha especial mención a Josefa González Díaz, presidenta de Arumes do Corgo, así como a Marica Campo, con cuxos artigos en El Progreso coinciden os meus o mesmo día da semana, os venres, e que me dedica unhas liñas na contratapa do libro. Tamén agradezo moitísimo a Branca García Montenegro, presidenta de El Progreso, que non só me deu a oportunidade de poder expresar a miña opinión semanalmente nas páxinas deste diario, senón tamén a de facelo sempre cunha absoluta liberdade. Sen dúbida, todo un exemplo de medio plural no que ten cabida a expresión de todo tipo de ideas e de visións.

Comentarios