A ablación, un problema global

O caso da africana residente en Baralla acusada pola mutilación xenital da súa filla en Mali pon sobre a mesa esta discriminación extrema e os retos que comporta, tamén en España

O caso da muller maliana residente en Baralla acusada pola mutilación xenital feminina (MGF) da súa filla —efectuada en Mali supostamente ás poucas semanas de nacer, e detectada por un pediatra no Corgo o ano pasado, cando a nena tiña oito anos— non é o primeiro en España, e probablemente non será o último. Mali é un dos países africanos que máis sofre esta lacra, cun 89% de mulleres afectadas segundo os datos obtidos por Unicef en 2016. En España viven actualmente preto de 18.000 migrantes procedentes deste país africano, e moitas delas traen consigo esta discriminación extrema que afecta a preto de 200.000 mulleres en todo o mundo. Unha ecuación complexa que pon en xogo os dereitos humanos.

Mapa ablación1. ¿Que é a mutilación xenital feminina?

A Organización Mundial da Saúde define a mutilación xenital feminina (MGF) como "a resección parcial ou total dos xenitais externos femininos e outras lesións dos órganos xenitais femininos por motivos non médicos". Realízase case sempre en nenas entre a infancia e a adolescencia. Esta práctica é coñecida popularmente como ablación, aínda que Unicef prefire descartar este termo, pois é o mesmo que utilizan as persoas que lexitiman esta práctica.

2. ¿Onde se practica?

A mutilación xenital feminina practícase en preto de 30 países de África, Oriente Próximo e Asia. En moitos países, aínda que a lei a prohíbe, o seu arraigamento social fai que se siga practicando (como en Nixeria, Gambia ou Senegal). En Mali, con todo, nin sequera está criminalizada, do mesmo xeito que en Chad, Liberia, Serra Leona, Somalia e Sudán. Segundo un estudo recente da Universidade Autónoma de Barcelona, en España hai 18.000 menores con risco de ser sometidas á ablación, fillas de migrantes. Na lexislación española é un delito castigado con entre 6 e 12 anos de cárcere para quen a practique en España.

3. ¿Cal é a súa razón de ser?

O territorio onde se practica é tan grande e diverso como as súas razóns de ser, todas elas están arraigadas na profunda desigualdade de xénero. Nalgúns casos considérase un rito de madurez; noutros, unha forma de controlar a sexualidade da muller. Existen comunidades que a practican porque cren que garante o desenvolvemento adecuado da nena, o seu matrimonio no futuro ou a honra da súa familia, ata o punto de que se non se someten a ela son repudiadas. Tamén existen causas relixiosas, aínda que ningún texto prescribe esta práctica.

4. ¿Quen a leva a cabo?

En moitos países, as mulleres son sometidas a esta mutilación a mans dun médico, pero na súa gran maioría son as nais ou avoas quen a practican. No caso, segundo o seu defensa, da muller maliana residente en Baralla, foi a súa sogra quen promoveu a mutilación.

5. ¿Que consecuencias ten para as mulleres?

A MGF causa graves complicacións médicas: dor extrema, hemorraxias, infeccións, complicacións durante o parto e incluso a morte. Tamén produce trastornos psicolóxicos e elimina a capacidade de sentir pracer. En moitos países está asociada co abandono escolar feminino e o matrimonio precoz.

6. ¿Cantos casos se detectaron en España?

Déronse varios casos. Esta mesma semana a Audiencia Nacional absolveu unha muller de Gambia por non impedir a mutilación xenital da súa filla no seu país de orixe, ao considerar que no momento de realizala non estaba tipificada como delito e que a propia nai sería vítima dunha sociedade que non lle outorga capacidade de decisión respecto diso. Á fin e ao cabo cuéstionase o feito de que, se a muller non pode negarse a esta práctica no seu país de orixe, sexa xulgada por iso no seu país de acollida, o que a converte de novo en vítima.

Comentarios